O PP de Tui esixe que se aparte temporalmente ao concelleiro de Urbanismo das súas funcións ata que se esclareza a investigación por presunto acoso laboral

Tui, 7 de abril de 2026

O grupo municipal do PP de Tui vén de esixir ao alcalde, Enrique Cabaleiro, que aparte temporal ao concelleiro de Urbanismo, Miguel Méndez, das súas funcións ao fronte de varios departamentos do Concello ata que se esclareza o caso de presunto acoso laboral a unha funcionaria e polo que figura en calidade de investigado.

O voceiro popular, Nico Montes, indicou que se trata dunha causa, aberta polo Xulgado de Instrucción Número 2 de Tui, que se refire directamente ao funcionamento e as tarefas do propio Concello e non a unha cuestión externa á administración local, polo que entende que, para non interferir na labor municipal, Miguel Méndez debería ser apartado das tarefas de goberno alomenos de xeito provisional ata que haxa unha resolución.

O concelleiro do PP considera que se debe actuar con mesura, para evitar posibles prexuízos posteriores ao edil socialista en caso de arquivo ou absolución, pero tamén con contundencia e eficacia para que o Concello siga funcionando se nada que enturbie o ambiente e para que se respecten os dereitos da denunciante: “A diferenza do que fixo o PSOE no seu día actuando dun xeito rastreiro, nós somos serios e prudentes e respectamos, por suposto, a presunción de inocencia de Miguel Méndez, pero tamén pedimos que se respecte á vítima, á que o alcalde xa tentou culpabilizar nunha actitude lamentable. E nese marco e con esta situación, tamén entendemos que se deben tomar medidas provisionais que pasan por un afastamento e a saída momentánea do goberno do citado concelleiro ata que se esclareza o caso”.

Ademais, o edil popular tamén lamentou que o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, que deberá declara como testemuña neste caso, non ofrezan explicacións públicas deste caso á cidadanía para saber se se activou o protocolo antiacoso ante esta denuncia, os detalles de interese xeral da mesma que non sexan incompatibles coa privacidade da causa e tamén se hai máis implicados do goberno local, posto que lembrou que as dilixencias previas abertas polo xulgado tudense inclúen a varios cargos públicos do Concello

Ademais, Nico Montes censurou duramente ao rexedor por tentar defender ao seu concelleiro, “que é algo que debe facer exclusivamente el mesmo en sede xudicial”, lembrando que a funcionaria denunciante xa se querelou contra o ex alcalde Carlos Padín con resultado de arquivo e revelando, sen probas, que ameazou a dous traballadores municipais que declararon polo caso actual. “Hai sete anos Enrique Cabaleiro empregou, para atacar ao goberno de Padín, a situación desta funcionaria ao seu favor e agora, como lle vén en contra, trata de culpabilizala nunha situación lamentable pola absoluta falta de respecto cos dereitos da presunta vítima”, concluíu o voceiro do PP.