O PP de Tui esixe ao Concello que lidere o plan de revitalización do comercio fronte á “crise profunda” do sector con solucións ao problema do aparcamento e medidas económicas de apoio

Tui, 8 de agosto de 2025

O grupo municipal do PP de Tui vén de esixirlle ao Concello que lidere de xeito inmediato un plan municipal de dinamización e revitalización do comercio para facerlle fronte á “crise profunda” que sufre o sector da cidade como consecuencia das políticas erróneas ou da inacción do goberno local durante a última década.

Os populares, que recollen a luva de implicación solicitada pola Asociación de Comerciantes de Tui (Acitui) e amosan a súa total dispoñibilidade á colaboración, anuncian que estarán vixilantes para que o executivo de Enrique Cabaleiro cumpra co desenvolvemento das necesarias medidas solicitadas por este colectivo e que foron aprobadas pola unanimidade do pleno.

“Coincidimos plenamente coa análise de Acitui sobre a mala situación que padece o comercio malia que Tui é un lugar con moitas posibilidades por ser unha cidade transfronteiriza, cabeceira de comarca, lugar de referenza do Camiño e cun casco histórico impresionante, polo que é necesario darlle un impulso para evitar que haxa tantos locais baleiros, alugueiros tan caros, un casco histórico infrautilizado e unha total ausencia de políticas activas de desenvolvemento económico e comercial”, analizou o voceiro popular, Nico Montes.

Por elo, desde o PP tudense crese que é o Concello quen debe liderar a adopción de solucións, xa que moitas son da súa responsabilidade e competencia. De feito, coincide plenamente con Acitui na necesidade de poñer en marcha bonos ou descontos fiscais para os propietarios de baixos que ofrezan alugueiros con prezos asequibles, políticas de coordinación entre todos os axentes para definir unha estratexia e incentivar a apertura en fins de semana e festivos, a implantación de liñas de axuda ao emprendemento e o emprego e busca dunha solución definitiva aos problemas de mobilidade e, sobre todo, de aparcamento, que é unha das grandes demandas da cidadanía e sobre a que o PP leva insistindo todo o mandato.

Así mesmo, Nico Montes tamén pedíu proactividade ao executivo socialista para a posta en marcha doutras medidas complementarias que poderían ser beneficiosas para o sector, como a dotación de máis parques infantís e zonas verdes e unha maior organización e información detallada e áxil ao comercio sobre a execución das obras e as súas inevitables molestias.

Finalmente, o PP de Tui coincide en que, cun liderado claro e con investimentos por parte do Concello, “será moito máis sinxelo implicar á Xunta, a Deputación, o tecido económico local, a Cámara de Comercio e o outlet”, pero neste senso lamentou que a proposta clave cursada polo PP para que Tui se adherise aos Concellos Emprendedores da Xunta, que outorga moitas vantaxes fiscais e doutra índole, foi rexeitada hai dous anos no pleno cos votos de PSOE e BNG. Así, instoulles a reconsiderar a súa opinión, xa que elo outorgaría preferencia a Tui no desenvolvemento das políticas e apostas comerciais do Goberno galego.