O PP de Tui destapa irregularidades na contratación e nas obras de conservación do antigo Teatro Principal e esixe a comparecencia do alcalde
Tui, 18 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP de Tui vén de destapar a existencia de presuntas irregularidades no procedemento de contratación e na execución das obras de conservación e seguridade do antigo Teatro Principal nun suposto caso de “enchufismo empresarial” e esixe a comparecencia pública do alcalde, Enrique Cabaleiro, para que dea explicacións e, chegado o caso, depure as responsabilidades políticas pertinentes.
Os populares lembraron que, desde o ano pasado, a fachada deste inmoble histórico está a presentar desprendementos e caídas de elementos da súa fachada sobre a vía pública co conseguinte risco para os peóns.
Ante esta situación, o pasado 30 de xullo de 2024, a concellería encargado do casco histórico asinou unha providencia encargando unha acta de inspección que, curiosamente, se acometeu ao día seguinte e na mesma se reclama a execución inmediata das obras de conservación, nun prazo máximo de dez días, que non se cumpríu, xa que os traballos tardaron varios meses.
Non obstante, oito días antes desta inspección, o 22 de xullo, unha empresa presentou unha orzamento de 39.200 euros -800 por debaixo do limiar para ser un contrato menor e poder adxudicarse a dedo- orientado a tarefas de limpieza integral deste teatro.
Posteriormente, a comisión do Pepcha reuníuse o 21 de agosto dese mesmo ano de cara ao encargo dos traballos e a continuación, a citada empresa, volveu a presentar o mesmo orzamento, incluso coa data do 22 de xullo, o 12 de setembro, e repetíu por terceira vez a entrega dese mesmo proxecto de actuación no Concello o 14 de outubro, co mesmo importe e cos mesmos conceptos pero, desta volta si, corrixindo a data do 22 de xullo.
Para completar este proceso cheo de irregularidades, que semella orientarse a unha contratación ad hoc, o 20 de novembro a Secretaría avala a realización dun contrato menor de emerxencia, malia que xa pasaran catro meses, para rematar coa autorización do gasto o 10 de decembro e a presentación da factura en Intervención só nove días despois “nun exercicio de dilixencia que non se vira ata a data no Concello de Tui”, ironizaron desde o PP tudense.
Pero ademais destas irregularidades na contratación dun orzamento presentado antes de que se iniciase o proceso, os populares tamén indicaron que as obras encargadas polo goberno socialista e orientadas á limpeza, non se correspondían para nada coas necesidades do antigo teatro “nun exercicio máis do que semella unha contratación moi estrana e sospeitosa”. Así, no proxecto da citada empresa non figuran repicados nos muros, excavacións, tratamento das soleiras ou tapiados, que son cuestións que parecen fundamentais dado o mal estado do inmoble.
“Este edificio está moi mal conservado e abandonado polo goberno socialista e hai risco de que haxa algún accidente, tal e como denuncian os veciños, e en vez de atoparnos cunha solución urxente e eficaz, tristemente vemos como o goberno local fai uns texemaneses máis que estranos que ademais non axudan a soster o edificio, polo que cremos que os veciños merecen unha explicación e tamén unha actuación efectiva para o teatro”, manifestou o voceiro municipal do PP, Nico Montes.