O PP de Tui desminte absolutamente ao alcalde sobre a existencia dun acordo para aprobar os orzamentos 2025 e aclara que “non imos pagarlle a festa ao PSOE”

Tui, 27 de xuño de 2025

O Partido Popular de Tui quere deixar claro, de forma rotunda e sen matices, que nunca existiu acordo ningún co alcalde, Enrique Cabaleiro, para aprobar ou absterse na votación dos orzamentos municipais de 2025, polo que consideran que as declaracións feitas públicas polo rexedor nos medios son falsas, irresponsables e impropias dun cargo institucional.

“O alcalde mente e pretende desviar a atención culpando aos demais do que é só responsabilidade súa: a de presentar uns orzamentos sen falar con ninguén e pedirnos un cheque en branco para tapar a súa incapacidade política”, sinalou o voceiro municipal, Nico Montes.

Desde o PP recordan que o rexeitamento aos orzamentos non responde a intereses partidistas nin a presións externas, senón a unha análise responsable dun documento que, a metade de ano, chega tarde, mal e sen consenso. “A diferenza do PSOE e do BNG, que sempre van en contra do PP porque llo mandan desde Santiago aínda que sexa contra os intereses dos veciños, nós votamos en contra porque estes orzamentos están elaborados de costas á corporación, sen rigor, sen control do gasto e alleos á realidade que precisa a nosa cidade”, engade Montes.

O grupo popular lamenta que o alcalde insista en utilizar o vitimismo como estratexia política, culpando á oposición do bloqueo cando a única responsabilidade de buscar acordos é de quen goberna: “Se non é capaz de pactar nin co seu socio preferente, e o insulta no pleno, que pretende? Que o PP lle regale a aprobación como premio á súa prepotencia cando ademais os orzamentos non hai por onde collelos?”.

O PP tamén denuncia que este suposto orzamento “prioritario” chegue con medio ano de atraso e non conte nin cunha aposta clara polos servizos sociais. “Falan de progreso, pero o único que medra é o gasto corrente, mentres as axudas reais á veciñanza seguen estancadas. Iso si, a propaganda institucional e os contratos a dedo seguen blindados pero a solución ao grave problema do aparcamento non corre a mesma sorte”, critican.

Finalmente, Montes lamentou que, en vez de dialogar cos demais grupos, o alcalde vaia a recurrir torticeiramente a unha ferramenta como a cuestión de confianza para tratar de sacar adiante as contas: “O PP non vai pagar a festa ao PSOE. Non imos avalar uns orzamentos que só serven para seguir gastando sen control. Se Enrique Cabaleiro quere gobernar, que leva dous anos sen facelo, podería empezar por negociar, por dicir a verdade e por deixar de actuar como se tivera maioría absoluta. Porque aquí a realidade é outra, e xa non lle vale o teatriño nin a sombra da moción de censura como ameaza constante.”