O PP DE TUI DENUNCIA UN NOVO EPISODIO DE EXCLUSIÓN SOCIAL COAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE OU VULNERABLES DO GOBERNO LOCAL NO CONTRATO DE ZONAS VERDES
Tui, 28 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Tui vén de denunciar un novo episodio de exclusión social e fomento da desigualdade coas persoas con discapacidade, necesidades especiais, vulnerables ou en risco de exclusión por parte do goberno local, xa que as mesmas quedaron totalmente excluídas do novo contrato de mantemento e conservación de zonas verdes.
Os populares votaron, no pleno celebrado onte á noite, en contra desta licitación polos motivos anteriormente expostos, malia que a mesma saíu aprobado cos votos dos outros tres grupos municipais. “Non entendemos, nin compartimos, nin podemos defender a absoluta falta de sensibilidade coa integración e a igualdade de oportunidades do equipo de goberno e tampouco dos demais partidos”, manifestou o voceiro municipal, Nico Montes.
Neste senso, desde o PP tudense denunciaron que o novo prego, configurado nun bloque único e sen lotes por un importe de 2,6 millóns de euros, exclúe a reserva dunha procentaxe, tal e como esixe a Lei de Contratos do Sector Públicos, para empresas de inclusión e centros especiais de emprego.
“Máis alá de que se incumpra a normativa, o cal é moi grave, o que nos parece inconcebible é que no Concello de Tui non se faga nada a prol da inserción laboral de xente que o necesita e que ten moita ilusión por ter un traballo. Parécenos que esta falta de empatía é aínda máis preocupante que o flagrante incumprimento da lei”, advertiu o concelleiro popular.
Ademais, Nico Montes lamentou que “chova sobre mollado”, xa que lembrou que outros contratos recentes, como os da Praza de Abastos, campo Álvarez Durán, pavillón da Macoca ou edificio do Náutico, tampouco reservaron ningún espazo nin posible actuación para este sector da poboación. E así mesmo, na derradeira edición dos campamentos de verán tamén se desbotou expresamente ás persoas con algún tipo de discapacidade “dun xeito lamentable e malia que, desde o PP, lle pedimos que rectificasen”.
“Isto non é unha casualidade, é unha política firme do goberno socialista de apostar pola exclusión que nos vai atopar sempre de fronte”, aseverou o voceiro popular, que salientou que os traballos da xardinaría “son idóneos, como se pode comprobar en moitos concellos, para que estes veciños poidan irse incorporando ao mercado laboral, que é o que desexan e ao que teñen dereito”.
Finalmente, anunciou que o PP seguirá reclamando e defendendo os dereitos laborais e de participación na vida social dos tudenses con necesidades especiais ou en risco de exclusión e garantíu que o próximo programa electoral contemplará un apartado específico e diversas medidas nesta materia.