O PP de Tui critica a “nefasta xestión económica” do goberno por endebedarse en 3,17 millóns para renovar o alumeado cando moitos concellos recibiron a axuda a fondo perdido

Tui, 12 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Tui vén de criticar a “nefasta xestión económica” do goberno socialista por pedir un préstamo de 3,17 millóns de euros, incrementando a débeda do Concello, para renovar o alumeado público por outro máis eficiente de tecnoloxía Led, xa que lembrou que estas actuacións, financiadas polo Ministerio de Transición Ecológica, foron a fondo perdido en convocatorias anteriores e das mesmas beneficiáronse outros concellos da provincia, como Lalín ou A Estrada, entre outros, “que estiveron moito máis dilixentes”.

“Vender como un fito que recibimos a maior achega de Galicia non é para presumir, senón máis ben para agocharse, porque o que fixemos foi pedir o préstamo máis elevado de Galicia, como se as contas estiveron para elo. Pero é que ademais, aquí denótase a falta de traballo e de estar atentos do goberno de Enrique Cabaleiro, porque perdeu a oportunidade na anterior convocatoria, que era de axudas directas, e agarda ata que sae en formato de préstamo. É inadmisible e para esixir responsabilidades políticas”, lamentou o voceiro municipal, Nico Montes.

Os populares revelaron que esta achega do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDEA), dependente do citado ministerio, ten un formato de préstamo do que hai que devolver o 100% de importe sen xuros nun prazo de dez anos, o que supón unha hipoteca de 317.000 euros anuais de media “que vai agravar moito a xa maltreita situación económica do Concello, tocada pola devolución de 700.000 euros ao Estado polos incumprimentos nas obras do teatro e que aínda está pendente da rescisión do contrato do parquin, entre outras cuestións”.

Desde o PP considerase que a renovación do alumeado público por outro máis eficiente e luminoso e menos contaminante pode ser unha boa iniciativa, pero lle reprochan ao executivo de Enrique Cabaleiro a súa falta de traballo e de dilixencia para acomételo dun xeito economicamente máis favorable ou de balde para as arcas municipais como fixeron moitos concellos da provincia. “Estas cousas demostran que, cando dicimos que se goberna mal, temos toda a razón, o executivo non está pendente do que hai que estar e ao final págano todos os veciños”, apostillou o concelleiro popular.

Finalmente, Nico Montes quixo advertirlle ao alcalde tudense, por anticipado, que, ante esta xestión tan errática e ineficaz, non conte co apoio do PP para as subas de impostos “das que Cabaleiro é tan defensor, porque cada ano promove varias, e que se atisban ante esta situación, porque as cifras son insostibles pola exclusiva responsabilidade”.