O PP de Tui acusa ao Concello de causar danos significativos aos tilos da Praza da Inmaculada coas obras da Corredoira e ser o responsable da súa tala
Tui, 3 de marzo de 2026
O grupo municipal do PP de Tui vén de acusar ao Concello de ser o responsable dos danos nos emblemáticos tilos da Praza da Inmaculada e da súa posterior tal ante o risco de caída porque os mesmos foron provocados polas obras de humanización do Paseo da Corredoira e da rúa Augusto González Besada, segundo se detalla no informe técnico da Estacion Fitopatolóxica de Areeiro -dependente da Deputación de Pontevedra- co que o goberno local xustificou a súa corta.
Os populares revelaron que os citados informes técnicos deixan ben claro que as obras “non respectaron a integridade destas árbores nin adoptaron as preceptivas medidas de protección sobre as mesmas” e cita especificamente que estes traballos provocaron “danos significativos” nestes exemplares. En concreto, sinálase que as raíces presentaban grandes feridas e rachos pola mala utilización da maquinaria, os alcorques estaban cheos de cimento e restos de obras, a cota da plantación era inferior á precisa para a súa supervivencia e incluso había garrafas de gasolina na súa contorna.
Ante esta situación, o PP tudense acusou ao goberno local de empregar os informes técnicos para amparar a súa intención de cortar os catro tilos, malia que se indicaba que dous deles non presentaban defectos relevantes que comprometeran a súa estabilidade, pero de agocharlle á cidadanía que o deterioro destas ábores foi causada por unha obra impulsada polo Concello na que non se adoptaron medidas de protección, na que se danou directamente aos exemplares e na que o executivo de Enrique Cabaleiro actuou de xeito neglixente por non realizar a correspondente labora de supervisión.
O voceiro municipal, Nico Montes, anunciou que a súa formación vai pedir todos os informes e a documentación deste caso, xa que desvelou que algún foi solicitado con posterioridade á produción dos danos nestes exemplares. “Fíxose unha obra a machado, sen respectar para nada estes activos ambientais que acabamos de perder para sempre e cambiando a fisonomía dun punto de encontro moi querido pola cidadanía. E despois da desfeita, cando xa sabían da estocada mortal que lle inflinxiron a estes exemplares, puxéronse a pedir os informes, polo que todos os tudenses temos dereito a saber que pasou e, chegado o caso, pediremos as responsabilidades políticas que correspondan”, indicou o concelleiro popular.
Finalmente, indicou que, ademais a obvia responsabilidade do Concello, da construtora e da dirección de obra, houbo “moi pouca sensibilidade” para tratar de salvar e recuperar estes tilos por parte do goberno socialista e contrapuxo esta corta dos exemplares cos intentos que fan moitos concellos por conservar as súas árbores máis emblemáticas cando sufren patoloxías.