O PP de Tomiño volverá a propoñer no pleno a extensión do saneamento á totalidade da poboación, xa que na actualidade ata 5.000 veciños carecen deste servizo básico municipal
Tomiño, 27 de febreiro de 2026.
O grupo municipal do PP de Tomiño vai volver a levar ao pleno da corporación, co gallo da sesión ordinaria fixada para o próximo luns, unha proposta para demandar a extensión do saneamento á totalidade da poboación, xa que lembrou que na actualidade uns 5.000 veciños do concello carecen deste servizo municipal e a cifra apenas mellorou nos 19 anos de goberno nacionalista.
Os populares, a través dun rogo, van solicitar que se realicen “fortes investimentos dunha vez por todas” nesta área, xa que lembraron que ata unha decena de parroquias carecen por completo de sumidoiros ou presentan eivas ou zonas de sombra sen este servizo. En concreto, as parroquias afectadas pola ausencia de saneamento son Amorín, Currás, Sobrada, Taborda, Barrantes, Pinzás, Carregal, Tebra e Forcadela.
O PP local criticou o “pasotismo e abandono” do goberno de Sandra González con esta cuestión básica malia tratarse dunha competencia municipal e lamentou que o executivo nacionalista rexeitara nos 32 meses de mandato as moitas propostas e o traballo dos populares, reuníndonse incluso coa conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, para coñecer as liñas de colaboración da Xunta.
“Pedimos insistentemente que se aumentaran as partidas nesta materia tras detectar que, nalgúns orzamentos municipais, adicábase a pírrica cantidade de 60.000 euros coas moitas necesidades que temos; fixemos propostas construtivas, como pedir que se adicaran os fondos do Plan Extra da Deputación como fixeron outros concellos; e incluso fixemos cousas que lle corresponderían ao executivo, como interesarnos polas axudas doutras administracións; pero todo caeu en saco roto para un Bloque que o único do que pode presumir é de que a Xunta é moi sensible con este tema e lle deu fondos para avanzar nesta materia”, sinalou a voceira municipal, Mónica Otero.
A concelleira do PP explicou que, agardando só por axudas externas e sen unha implicación real e económica do Concello, o saneamento “non chegará nunca” a todos os veciños de Tomiño e cre que esta actitude, que foi a aplicada polo BNG nestes case 19 anos de goberno, deixa ben ás claras porque se rexistraron tan poucos avances e milleiros de tomiñeses carecen deste servizo. “Vemos que os avances son moi tímidos e débese exclusivamente a que o Concello prefire destinar fondos a outras cuestións, moitas veces innecesarias e moitas veces ideolóxicas e inexplicadas, como o suposto cambio do modelo de recollida de lixo ao que van destinar 1,2 millóns de euros, pero a realidade é que dan de costas por completo á demanda veciñal máis importantes”, concluíu a edil popular.