O PP de Tomiño valora negativamente o proxecto de Orzamentos 2026 por afondar no “estancamento e falta de dinamismo” do Concello e anuncia o seu voto en contra
Tomiño, 11 de decembro de 2025.
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de valorar moi negativamente o proxecto de Orzamentos 2026 presentado polo goberno nacionalista, xa que considera que afonda no “estancamento e falta de dinamismo” no que o Concello está inmerso nos últimos anos. Neste senso, salientou que, nun contexto elevado de inflación, as contas permanecen practicamente conxeladas cun sello continuista “que xa non trouxo case ningunha boa nova neste 2025 e coas que non se vai poder facer fronte aos retos e necesidades dos tomiñeses no próximo ano”, polo que anunciaron que votarán en contra destes orzamentos na sesión plenaria fixada para mañá.
Para os populares de Tomiño as conta demostran o “absoluto esgotamento e falta de ilusión, ideas e iniciativas” do executivo de Sandra González, “xa que máis parece un documento feito nunha xestoría que nun Concello que debe liderar o desenvolvemento do pobo”. Ademais, advertiron de que “haberá menos diñeiro” para servizos e investimentos, xa que o orzamento apenas medrá un 1,2% ata os 10,63 millóns de euros cando o prezo das cousas revalorizouse en alomenos un 3%, segundo os datos oficiais da inflación-
O PP tomiñés tamén lamenta que o goberno nacionalista “non aproveite as oportunidades” que lles brinda a elevada recadación fiscal, de máis de 4,8 millóns de euros tras as subas de impostos e taxas que aprobaron nos últimos anos “nunha medida exclusivamente recadatoria contra os petos dos veciños que non están a notar para nada o esforzo tributario que lles esixe o BNG”, e tampouco as cifras récord de transferencias por parte doutras administracións, que achegarán nesta ocasión máis de 5,5 millóns de euros ás arcas municipais
Neste senso, criticou que a meirande parte dos gastos estean copadas por cuestións fixas como son as nóminas de persoal e os bens e servizos correntes, “o que demostra unha falta de xestión absoluta que deixa sen marxe de manobra ao goberno para presentar unhas contas ambiciosas e que atendan ás necesidades dos veciños”. Ao respecto, o PP lamentou a “insuficiencia” do gasto en materia social.
Finalmente, os populares tamén calificaron de “cativos e insuficientes” os 785.693 euros da partida de investimentos reais, xa que apenas supoñen algo máis do 7% do total das contas e ademais inclúen partidas pírricas en todos os casos –a máis elevada ascende a 150.000 euros–, “polo que máis parecen obras de mantemento e conservación que non deberían estar nesta partida, e que parecen meterse para recheo e que non quede a cero, que as actuacións de calado que merece Tomiño”.