O PP DE TOMIÑO SOLICITA O REACONDICIONAMENTO DO CAMPO DA FESTA DE CARREGAL DE ABAIXO PARA MELLORAR O ESPAZO DE ENCONTRO E LECER DOS 750 VECIÑOS DA CONTORNA
Tomiño, 1 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Tomiño vai solicitar o reacondicionamento integral do campo da festa de Carregal de Abaixo, na parroquia de Amorín, para corrixir todas as deficiencias que presenta este espazo e mellorar dunha vez por todas este espazo de encontro e lecer dos 750 veciños desta contorna atendendo ás reiteradas demandas dos residentes
Os populares formalizarán a súa petición a través dunha iniciativa plenaria, que se debatirá na sesión ordinaria da próxima semana, na que lembran que a Asociación de Veciños de Carregal leva anos demandando o arranxo e modernización deste espazo público ante o seu deterioro e mal estado e dita reclamación, malia ser xusta, razoable e necesaria, nunca foi atendida polo Concello.
“Carregal é unha zona moi importante e poboada do noso municipio que precisa de atención e servizos para que se poida garantir o seu modelo de vida e benestar. Desde o PP xa traballamos, malia estar na oposición, negociando coa Consellería de Medio Ambiente para a concesión de fondos para o seu necesario saneamento, malia que é unha competencia municipal, pero temos que lamentar que o Concello se resista a poñer un euro dos seus fondos para estes lugares aínda que o campo da festa precise dunha intervención de xeito urxente”, explicou a voceira municipal, Mónica Otero.
A concelleira popular salientou ademais que a “habitual excusa da falta de fondos, que o goberno local emprega sempre coas nosas solicitudes e que en todo caso sería achacable a vinte anos de ineficaz xestión económica do BNG” non se sostén despois de deixar pasar dous plans extraordinarios de investimentos da Deputación, “un dos cales para o cambio do modelo de recollida do lixo vai ser un fracaso que suporá tirar máis dun millón de euros”, e de ter recibido máis de 6,5 millóns de euros do organismo provincial nos tres últimos anos.
Para Mónica Otero a mellora deste campo da festa “é cuestión de prioridades e Carregal nunca figuro unas do goberno nacionalista”, pero recalcou que, en todo caso, o PP vai levar a petición dos veciños ao pleno para que o Concello se comprometa a deseñar un proxecto e un cronograma para esta actuación ben a través de fondos propios ou cos vindeiros fondos procedentes da Xunta ou da Deputación.