O PP de Tomiño solicita ao goberno local que inclúa ao concello no circuíto galego de festivais, concertos e eventos socioculturais de gran formato

Tomiño, 26 de abril de 2025.

O grupo municipal do PP de Tomiño vai solicitarlle ao goberno local que traballe para introducir ao concello no circuíto de termos galegos que acolle festivais, concertos e eventos de mediano e gran formato e que para elo xestione a súa celebración con outras administracións públicas, institucións, entidades e empresas privadas.

Os populares veñen de presentar unha moción para o seu debate en pleno na que reclaman o incremento da programación cultural municipal, que consideran insuficiente para un municipio de 14.000 habitantes, e para que na mesma se poidan incluír iniciativas de maior calado e asistencia, en referencia a festivais ou concertos, co obxectivo de aumentar a oferta de lecer e esparcemento dos veciños e de incrementar a sinerxia socioeconómica da vila a prol dos comercios e locais de hostalería.

O PP, a través da súa voceira, Mónica Otero, lembra que na actualidade o concello só conta, como citas multitudinarias, co Venres do Foliada durante as celebracións do Entroido e coas Festas do Alivio, pero elo débese en exclusiva ao traballo das súas comisións e organizadores.

Por elo, botan en falta un maior traballo e compromiso do goberno municipal para complementar esta oferta cultural e lúdica e reclámanlle que, como fan moitos outros municipios de tamaño mediano como Tomiño, se sume ao circuíto de concellos galegos que acollen festivais, concertos e outros eventos.

Para o PP de Tomiño, a falta de iniciativa do executivo nacionalista nesta materia supón unha clara “perda de oportunidades” e exemplificou os efectos positivos destas citas musicais e culturais de gran formato nos casos de Tui, O Porriño ou Nigrán, por citar só alguns concellos veciños.

“Ninguén che trae as cousas feitas á porta de casa e os grandes espectáculos hai que traballalos como fan bastantes concellos porque saben dos beneficios que iso supón, pero no caso de Tomiño hai un pasotismo absoluto e confórmanse cunha programación cultural escasa que cremos que se debe enriquecer e potenciar en termos xerais e que, ademais, podería vir acompañada de festivais ou concertos de carácter periódico. Somos un concello importante do sur da provincia, con case 15.000 veciños e cremos que temos capacidade e tamén necesidade de situarnos entre os municipios de primeiro nivel no eido cultural, social e musical da provincia”, manifestou a voceira popular.