O PP de Tomiño solicita ao goberno local a activación de medidas de dinamización económica ante o mal comportamento do mercado laboral e a baixada das afiliacións á seguridade social neste mandato

Tomiño, 15 de xaneiro de 2025.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de solicitar ao goberno local a activación e posta en marcha dun plan de acción con medidas diversas e efectivas para a dinamización socioeconómica e laboral do concello, xa que considera que o termo padece unha “importante parálise e estancamento”, especialmente no que se refire á creación de emprego, posto que os datos do paro tiveron un mal comportamento ao peche do ano 2024 e ademais, no que vai de mandato municipal, reducíronse as afiliacións á Seguridade Social.

A voceira municipal, Mónica Otero, explicou que as políticas activas de emprego están transferidas polo Estado ás comunidades autónomas e en Galicia as mesmas están a funcionar axeitadamente, posto que a rexión reducíu o desemprego durante o pasado ano nun 8,2% no que é o terceiro mellor dato de toda España ata situar a cifra de parados en 118.838 persoas, o dato máis baixo desde que hai rexistros en 1996.

“Cremos que as políticas da Xunta en materia laboral funcionan moi ben en toda Galicia e fano moito mellor naqueles concellos que colaboran e acompañan estas accións, algo que, lamentablemente, non é o caso de Tomiño, onde se percibe un esgotamento e desgaste do executivo municipal que provoca que non se implementen as medidas socioeconómicas necesarias que permitan que os veciños ou a xente que queira vir aquí poida emprender o seu proxecto de vida no noso concello”, manifestou a concelleira popular.

Neste senso, o PP tomiñés lamentou a “errática evolución” dos postos de traballo no municipio, que padeceu moitos meses de ascenso do paro en 2024 mentres a inmensa maioría dos concellos reducían as súas listas de desemprego. Deste xeito, en un contexto xeral favorable en Galicia para o mercado de traballo, en Tomiño a desocupación só se reducíu nun 3,9%, unha das peores cifras municipais de toda a comunidade e e que se sitúa claramentre máis abaixo da metade da provincia de Pontevedra (-8,3%) e de toda a rexión (-8,2%).

Ademais, os populares locais engadiron que, ademais do peor comportamento do paro que no resto da provincia, Tomiño tamén presenta uns malos datos na creación de postos de traballo a través das afiliacións á Seguridade Social, posto que nos 18 meses da presente lexislatura municipal minguou a cifra de traballadores que hai no concello, pasando dos 5.570 de xullo de 2023 aos 5.530 ao peche do pasado mes de decembro.

“Aparte de que temos o paro estancado, sen rexistrar as importantes baixadas doutros territorios, a mala situación local nesta materia tamén se apreza na cifra de persoas qu se incorporan de xeito efectivo a un posto de traballo, xa que hai 40 persoas ocupadas menos, que é algo que contrasta e moito co que pasa no resto de Galicia, onde está medrando de xeito constante a afiliación á Seguridade Social”, concluíu Otero, que reclamou ao goberno do BNG “que se poña as pilas, acompañe e respalde as efectivas políticas da Xunta e sexa proactivo, fronte ao seu pasotismo actual nesta materia, porque imos no sentido inverso ao resto dos municipios e, deste xeito, os nacionalistas están facendo que Tomiño vaia a menos”.