O PP de Tomiño solicita ao Concello a exención das taxas polas licenzas de obra de abastecemento ás comunidades de usuarios de augas para favorecer a extensión dun servizo básico municipal

Tomiño, 6 de febreiro de 2026.

O PP de Tomiño vai solicitar ao Concello a exención total das taxas polas licenzas de obra para infraestruturas e sistemas de abastecemento impulsados polas comunidades de usuarios de augas co obxectivo de que os permisos sexan de balde para favorecer a extensión e mellora dun servizo básico municipal que, no termo tomiñés, está a ser executado principalmente por estas entidades veciñais.

A presidenta do PP local, Lara Meneses, revelou, co gallo da presentación onte do Plan +Aqua da Deputación de Pontevedra, que as citadas comunidades valoran moi positivamente as achegas anuais nesta materia concedidas polo organismo provincial e pola Xunta de Galicia, pero consideran que poderían aproveitarse moito máis estas axudas se o Concello non cobrase polos permisos de obras e fosen de balde, como sucede en moitos outros municipios da provincia.

“As asociacións de augas de Tomiño, que son líderes a nivel galego e un exemplo en toda a comunidade, fan unha labor altruista imprescindible grazas aos seus fondos e ás subvencións doutras administracións e cremos que é de xustiza, dado que están a asumir unha competencia municipal, que o Concello debería alomenos botarlles unha man librándoas de pagar as taxas das licenzas de obra. É unha petición dos veciños, que saíu onte á luz de xeito unánime na presentación da Deputación e que compartimos plenamente”, explicou Meneses, que anunciou que o PP vai levar unha moción ao próximo pleno solicitando a gratuidade destas autorizacións.

A presidenta dos populares de Tomiño desvelou que as comunidades de usuarios de auga do municipio foron as máis beneficiadas de toda a provincia ao abeiro dos plans +Aqua e +Novaqua da Deputación o pasado ano 2025 cun total de 14 axudas concedidas por un importe de 344.000 euros e estima que a exención das citadas taxas “podería supoñer un importante impulso, posto que todos eses cartos poderían adicarse ás novas infraestruturas ou á modernización das existentes e incluso poderían chegar a máis comunidades que se animasen por librarse destas taxas”.

“Tomiño é o concello de referenza en toda Galicia en materia de augas veciñais, pero para manter ese liderada as redes e os sistemas precisan modernizarse e renovarse e para iso cremos que o Concello debe poñer o seu gran de area e favorecer que as moitas subvencións que recibimos se executen na súa práctica totalidade, así que reclamamos a sensibilidade do goberno do BNG coas nosas comunidades de augas como xa están facendo outros municipios”, aseverou Meneses, que engadíu que os citados plans de augas da Deputación, que precisamente naceron en Tomiño hai tres anos precisamente a raíz das inquedanzas e necesidades das entidades locais, distribuirán novamente 1,8 millóns de euros no presente exercicio, “polo que hai que poñer todo da nosa parte para que outra vez volvan a deixar unha contía importante no noso territorio”.