O PP DE TOMIÑO SOLICITA Á DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA UN PLAN DE REPARACIÓN DAS PISTAS MUNICIPAIS DANADAS POLOS TEMPORAIS ANTE O SEU MAL ESTADO E A ABSOLUTA INACCIÓN DO CONCELLO

Tomiño, 10 de abril de 2026

O PP de Tomiño vén de solicitar publicamente á Deputación de Pontevedra que elabore e orzamente un plan de transferencia de fondos orientado especificamente á reparación, bacheo e arranxo das pistas municipais danadas polos temporais, posto que o seu estado é moi malo e o Concello, malia ser o único responsable das mesmas, está inmerso nunha absoluta inacción para acometer estas actuacións cando xa levamos varias semanas de boa climatoloxía.

“É incrible que o goberno local de Tomiño non estea a facer absolutamente nada para acometer con urxencia bacheos e reparacións nas súas pistas, que están en moi malas condicións con fochancas de grandes dimensións, fendas e roturas da plataforma e que, pola actitude do noso executivo, teñen pinta que van continuar neste estado de abandono”, lamentou a presidenta do PP local, Lara Meneses.

Ante esta situación e o pasotismo do Concello, os populares tomiñeses pídenlle ao organismo provincial dirixido por Luis López que “rescate” novamente ao municipio “como leva facendo practicamente todo o mandato con investimentos históricos” cun fondo específico orientada ás entidades locais e que teña como fin exclusivo a reparación das pistas municipais danadas polas ata 16 borrascas dos pasados outono e inverno e cuxos efectos son perfectamente visibles en todas as parroquias de Tomiño.

Lara Meneses indicou que o goberno nacionalista “tristemente ten outras prioridades moi alonxadas das demandas dos veciños”, posto que revelou que circular polas pistas municipais “é un auténtico sufrimento con evidente risco de danos para os vehículos e para a seguridade viaria”. Ademais, engadíu que a este abandono das vías locais, engádese a carencia de fondos municipais para acometer unhas reparacións de calado debido á ineficiente xestión da economía municipal.

A presidenta do PP local lembrou que, máis alá dos nocivos efectos dos temporais sobre as pistas durante os catro meses deste outono-inverno, o estado das mesmas é, en xeral, moi deficiente desde hai anos e precisan de actuacións integrais que competen exclusivamente ao Concello, pero en todo caso o que máis urxe é a execución de reparacións, arranxos e bacheos para que polo menos se poida circular polas mesmas durante os próximos meses nunhas condicións razoables.

“Nós somos do Partido Popular, pero por riba de todo somos de Tomiño e non nos doen prendas en pedirlle a unha administración da nosa cor política que se molle, unha vez máis, polo noso municipio, porque se temos que agardar a que o Concello se preocupe e invista nas súas pistas imos aviados. Por iso, agardamos que o goberno provincial de Luis López teña sensibilidade coa nosa petición, que seguro que comparten moitos concellos, e habilite unha partida específica e potente para reparar a rede viaria local”, concluíu Meneses.