O PP de Tomiño reúnese coa consellería de Medio Ambiente para analizar as axudas e posibilidades de colaboración para extender o saneamento ao 100% das vivendas

Tomiño, 12 de setembro de 2025.

O PP de Tomiño vén de reunirse esta mañá coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, nun encontro monográfico para abordar a rede municipal de saneamento e analizar as distintas axudas que ofrece a Xunta de Galicia aos concellos e incluso as posibilidades de colaboración do Goberno galego -sempre que o goberno local amose o seu interese e compromiso en investir- para extender este servizo básico ao 100% das vivendas do municipio.

Os populares, encabezados pola presidenta local, Lara Meneses, e a voceira municipal, Mónica Otero, agradeceron a disposición e sensibilidade da conselleira e recabaron información técnica sobre as posibles solucións, custes, liñas de colaboración entre administracións e achegas da Xunta co obxectivo de trasladalas ao pleno para corrixir as importantes eivas e carencias de Tomiño en materia de saneamento.

O PP tomiñés lamentou o reiterado rexeitamento e abandono do goberno nacionalista para realizar investimentos importantes e con cronogramas serios e reais en depuración e evacuación de augas residuais, xa que, por exemplo, nos Orzamentos Municipais 2024 a partida para esta área limitábase a só 60.000 euros.

Ademais, o goberno nacionalista tamén perdeu unha “gran oportunidade” de investir 1,2 millóns de euros a esta actuación ao abeiro do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, que financiaba un total de 900.000 euros, xa que optou por outra obra en vez de extender esta dotación básica aos milleiros de veciños que aínda carecen da mesma tras 18 anos do BNG na Alcaldía. En concreto, falta este servizo nas parroquias de Piñeiro, Amorín, Currás, Sobrada, Taborda, Barrantes, Pinzás, Carregal, Tebra e Forcadela.

Os populares lembraron que presentaron unha moción ante o pleno para que esta importante achega provincial se destinase ao saneamento, pero a mesma foi rexeitada polo goberno de Sandra González, “o que simplemente veu a confirmar o que, tristemente, levan facendo todos estes anos ao fronte do Concello, que é negarse a apostar en serio, a investir con decisión e a actuar para que todas as vivendas de Tomiño teñan este servizo”.

“Nós, desde o PP de Tomiño, seguimos a traballar polo noso pobo e polas necesidades reais dos veciños fronte a un executivo do BNG que apenas destina partidas pírricas e que desaproveita oportunidades millonarias financiadas pola Deputación. Pero imos seguir insistindo, con todas as opcións das que nos informou a conselleira, e imos seguir propoñendo iniciativas para que o saneamento universal en Tomiño sexa unha realidade máis pronto que tarde”, explicou Lara Meneses.