O PP de Tomiño reclama un plan de mellora integral e reparación dos parques infantís para este ano ante o seu evidente deterioro e o incremento de risco de accidente

Tomiño, 21 de marzo de 2025.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de reclamar, a través dunha iniciativa plenaria, a elaboración dun plan de mellora integral e reparación de elementos deteriorados dos parques infantís do Concello ante o seu evidente deterioro e degradación dos últimos tempos e o incremento de risco de accidente por parte dos cativos usuarios.

Os populares, tras realizar unha visita de supervisión ao estado da práctica totalidade dos parques de Tomiño e tras recibir bastantes queixas das familias, presentaron unha moción na que piden ao goberno nacionalista que faga unha inspección exhaustiva da situación destas 15 instalacións de lecer, emprazadas en Campo da Feira, Goián, Praza da Mina, Cristelos, Pinzás, Vilachán, Cotro, Carregal, Taborda, Vilachán do Monte, Fontenova, Cruceiros –ambos en Forcadela–, A Gándara e Sobrada, e que elabore un plan, con cronograma e orzamento, para executar a súa reparación e mellora no prazo máis breve posible ao longo do presente ano 2025.

O PP tomiñés considera que estas instalacións son fundamentais, posto que hai 972 cativos de entre 0 e 9 anos de idade que empregan habitualmente estes espazos, especialmente durante os meses de verán e naqueles de boa climatoloxía, e lamentou que cada día presentan máis eivas, deficiencias e desperfectos que poñen en risco a súa seguridade ou, directamente, impiden a utilización dos elementos de xogo.

Entre os problemas detectados nestas instalacións de lecer figuran piares de xogos completamente soltos e inestables, coa conseguinte situación de risco para os seus usuarios, baldas rotas, madeiras deterioradas, xogos inservibles por perda de pezas e incluso algún intento totalmente chapuceiro de arranxo, como o caso dun tobogán que quedou fixado literalmente por dúas estacas laterais.

Desde o PP de Tomiño admítese que estes parques e os seus elementos son bastante custosos polas súas condicións de seguridade reforzada, pero considera que o executivo municipal non está a facer axeitada o seu labor de vixilancia e control destas instalacións para proceder á súa reparación inmediata cando se detecta un desperfecto, “o que xera este deterioro e o incremento da inseguridade destas instalacións e tamén o incremento do custe de reparación por non frear as eivas a tempo”.

Ante esta situación, a voceira municipal dos populares, Mónica Otero, demandou ao goberno do BNG que atenda esta demanda, “xa que os nenos e nenas de Tomiño merecen ter os parques en condicións axeitadas para o seu lecer e para garantir a súa seguridade” e adiantou que, dado o seu estado actual e o seu deterioro, “non admitiremos como excusa ou xustificación a lembranza a investimentos pasados nesta materia, posto que o que se fixo con anterioridade non vai reparar os parques nin mellorar o seu empeoramento actual”.