O PP de Tomiño lamenta que o goberno privatice a Biblioteca agochándose na imposibilidade de incorporar persoal cando convocou tres prazas para outras áreas do Concello
Tomiño, 7 de agosto de 2025.
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de lamentar que o goberno local insista na privatización da nova Biblioteca Municipal e os servizos do Espazo Isaura Gómez, cun custe de 116.500 euros anuais, e que xustifique a súa decisión política de contratar unha empresa agochándose na falsa imposibilidade de incorporar persoal ao abeiro da taxa de reposición e da Lei de Estabilidade Orzamentaria, posto que xa convocou tres prazas para outras áreas do Concello.
“Poñen de excusa para manter a súa suposta pureza as trabas que din que pon a normativa para non contratar persoal sen que antes se amorticen outras prazas, pero estas mentiras, por moito que o vaian seguir retorcendo, teñen as patas moi curtas, porque nas últimas semanas, desde o pasado mes de xuño, publicaron a convocatoria para incorporar a tres traballadores a outros departamentos”, revelou a voceira municipal, Mónica Otero.
En concreto, a comezos do mes de xuño publicouse no Boletín Oficial da Provincia o concurso para unha praza de técnico de residuos no marco do seu intento de cambiar o modelo de xestión do lixo, mentres que o pasado luns 4 de agosto fixeron o mesmo para cubrir senllos postos de operarios de obras e servizos e de servizos múltiples, respectivamente.
Os populares insistiron en que a externalización do Espazo Isaura Gómez é “lamentable”, xa que se trata dun servizo municipal fundamental e básico e cren que a mesma obedece a intereses electoralistas e partidistas do BNG, xa que curiosamente o contrato vence no ano 2027 coincidindo cos comicios locais.
“A empresa, loxicamente e con todo o seu dereito, vai mirar pola súa rendibilidade e non vai ter en conta a flexibilidade horaria e outras cuestións que se aplican nos demais concellos en determinadas épocas do ano cando se precisa un maior uso da instalación e, en caso de facelo, será cun incremento do prezo, polo que estamos seguro de que esta xestión externa vai acarrexar moitos problemas”, indicou a voceira popular, que recalcou que a súa formación vai seguir defendendo unha xestión municipal directa e pública do recinto e das súas actividades, aínda que estas se contratan con diferentes empresas.
Finalmente, o PP de Tomiño tamén criticou a dobre vara de medir do Bloque con respecto a xestión externa de servizos e considerou que, con esta decisión sobre o Espazo Isaura Gómez, queda absolutamente en evidencia cando critica a privatización dalgún servizo, “porque ningún concello da provincia chegou ao extremo de facelo cunha Biblioteca”, e tamén lamentou o “retraso eterno” da súa apertura tras catro anos de demora e constantes incumprimentos.