O PP DE TOMIÑO LAMENTA A IRRESPONSABILIDADE DO GOBERNO DO BNG POR NON SOLICITAR OS FONDOS DO ‘PLAN CORRESPONSABLES’ E PERMITIR QUE OS CAMPAMENTOS MUNICIPAIS SEXAN MÁIS CAROS
Tomiño, 25 de setembro de 2026.
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de lamentar a absoluta irresponsabilidade do goberno local do BNG por non ter solicitado á Xunta de Galicia os fondos de conciliación do ‘Plan Corresponsables’ -fixados en 55.000 euros por concello ou 120.000 en caso de agrupación deles- e permitir que os campamentos municipais celebrados o pasado verán fosen máis caros para os veciños e usuarios ao non poder descontar esta achega.
Os populares, que lembraron que estas actividades municipais oscilaron entre os 20 e os 100 euros segundo a actividade e con duracións de entre unha semana e un mes, apuntaron que estes campamentos poderían ser moito máis asequibles e incluso gratuítos para os tomiñeses, ou optar por incrementar a cifra de prazas, “se o Bloque fixera o seu traballo, como fan decenas de concellos, e pedirá á Xunta os fondos estatais do citado plan, que o Goberno galego pon a disposición de todos os municipios”.
Ademais, o PP lamentou que, en vez de pedir desculpas e evitar que esta situación se volva a repetir no futuro para non seguir prexudicando aos veciños, o executivo de Sandra González optase por “tratar de tapar a súa ineptitude, ineficacia e mala xestión” arrementendo contra o Bono Concilia da Xunta. Esta medida autonómica, lembraron os populares, está enfocada especificamente a colaborar coa xente que non ten acceso a outras axudas, que queda fóra das actividades de conciliación dos concellos ou simplemente que ten que recurrir a outras iniciativas porque traballa de tarde, xa que cómpre lembrar que os campamentos adoitan a celebrarse, en practicamente todos os concellos e tamén en Tomiño, en quenda de mañá.
Por iso, a formación encabezada por Lara Meneses calificou de “covarde” que o Bloque de Tomiño enfocase unha moción, no pleno celebrado onte, contra estas achegas autonómicas malia coñecer perfectamente a súa finalidade e agochando a toda a cidadanía que non solicitou os fondos do ‘Plan Corresponsables’ que abaratarían moito os campamentos locais.
“Simplemente buscaban desviar a atención e tratar de confundir á xente, pero se os campamentos en Tomiño non son máis baratos ou incluso de balde débese exclusivamente á irresponsabilidade e mala praxe do goberno”, manifestaron desde o PP, antes de contrapoñer esta xestión ineficaz coa realizada pola propia Lara Meneses desde a Dirección Xeral de Xuventude, que si se adheríu aos fondos estatais do ‘Plan Corresponsables” que lle corresponden a Galicia, o que lle permite incrementar as prazas e que esta medida de conciliación e formación chegue a máis nenos e nenas.