O PP de Tomiño incorpora a Rafael Almeida como novo concelleiro do grupo municipal tras a renuncia de Raquel Ozores por motivos persoais
Tomiño, 4 de xaneiro de 2025
O Partido Popular de Tomiño vai incorporar proximamente a Rafael Almeida como novo concelleiro do grupo municipal, conformado por seis integrantes na corporación, tras a formalización da renuncia á súa acta de Raquel Ozores por motivos persoais. A substitución vén de ser oficializada pola presidenta do PP local, Lara Meneses, e pola voceira municipal, Mónica Otero, nun encontro cos dous implicados e será formalizada no próximo pleno cando cheguen as credenciais do novo edil por parte da xunta electoral.
Raquel Ozores levaba tempo cunha menor disposición para esta representación pública por diversas cuestións de índole persoal e decidíu dar un paso a un lado “para que un compañeiro poida atender as obrigas do cargo coa intensidade que merecen os veciños de Tomiño”. Por elo, e tras trasladarlle esta cuestión á dirección local, a súa renuncia foi aceptada e activouse “de xeito natural” o seu reemprazo polo seguinte integrante da candidatura.
Rafael Almeida concorreu de número oito na lista do PP nas pasadas eleccións municipais e afronta o reto “con moita ilusión e gañas e con toda a vontade de seguir facendo medrar o proxecto popular en Tomiño para consolidarnos como a clara alternativa de goberno ao BNG na cita de 2027”. Almeida pertence ao barrio de Hospital, na parroquia de Tomiño, e é unha persoa moi dinámica e activa na vida sociocultural do concello grazas á súa participación e implicación en moitos colectivos, asociacións e eventos.
A voceira municipal, Mónica Otero, quixo agradecer a xenerosidade de Raquel Ozores “por pensar no ben común e nos veciños de Tomiño por riba de todas as cousas” e destacou o seu traballo durante todas as súas etapas como concelleira.
Pola súa banda, a presidenta local, Lara Meneses, destacou a “naturalidade e exemplariedade” neste relevo e puxo en valor a “fortaleza, o nivel e a capacidade de traballo” de toda a familia popular do municipio. “Temos proxecto, temos equipo e temos moito banquiño con moita xente preparada para representar e atender aos tomiñeses e ese é un gran valor que se demostra, cada día, no gran labor que estamos a facer a prol do desenvolvemento do concello”, concluíu.