O PP DE TOMIÑO IMPULSA UN NOVIDOSO PROGRAMA PARTICIPATIVO PARA 2027 COAS ACHEGAS DOS VECIÑOS E INCLUIRÁ A CREACIÓN DE VIVENDA E O SANEAMENTO UNIVERSAL COMO EIXOS PRINCIPAIS

Tomiño, 5 de xuño de 2026.

O PP de Tomiño vén de anunciar que vai impulsar un novidoso formato participativo da veciñanza na elaboración do programa de propostas e compromisos de cara as eleccións do ano 2027, xa que estará conformado, en gran parte, polas achegas dos veciños e incluirá a creación de vivenda, a universalización da rede de saneamento, o desenvolvemento de solo empresarial e a dinamización da vida sociocultural como principais eixos do mesmo.

Os populares presentaron esta iniciativa de programa participativo, que se presenta baixo o lema Ti Fas Tomiño e coa que tentará chegar aos 14.000 veciños coa distribución dunha carta para que cubran e fagan as súas xestións sobre as principais necesidades que vén na vila ou nas parroquias, segundo o seu lugar de residencia, e tamén sobre o concello en termos xerais. Ademais, desde o PP local tamén se artellarán outros modos de contacto, por medio de Internet ou de telefonía, para que a veciñanza faga as súas achegas en materia de investimentos ou servizos.

“O proxecto do PP é o de todos e o futuro de Tomiño ten que construírse entre todos, non con ideas sectarias, a maioría das veces alonxadas dos intereses reais da cidadanía, e por iso queremos facer o noso programa electoral coa xente e agardamos que haxa unha gran participación porque os próximos anos en Tomiño se presentan moi ilusionantes”, manifestou a presidenta do PP local, Lara Meneses, co gallo da presentación desta iniciativa xunto aos concelleiros do grupo municipal.

En todo caso, e tras estar en permanente contacto cos veciños ao longo destes tres anos, desde o PP de Tomiño garántase que, entre as principais propostas, figurarán o desenvolvemento de proxectos de vivendas sociais e protexidas e tamén no ámbito privado co desenvolvemento do urbanismo, actualmente paralizado; a extensión do servizo de saneamento a toda a poboación; a configuración de solo industrial para potenciar, principalmente, aos sectores hortofrutícola, viveirista e da planta ornamental como motor económico; e a dinamización da vida sociocultural, moi esmorecida ao longo destes anos.

Lara Meneses indicou que o PP tomiñés ten claras as principais necesidades do concello “tras un mandato no que se notou demasiado o enorme esgotamento do BNG”, xa que escoitou a milleiros de veciños neste tempo, pero deixou claro que, en todo caso, “queremos que nos confirmen esta percepción e que nos engadan todas aquelas cousas, de maior ou menor calado, que están abandonadas ou sen facer e que son imprescindibles para aumentar a calidade de vida da xente nos próximos catro anos”.