O PP de Tomiño esixe información urxente e transparencia sobre o novo modelo de recollida de lixo que impulsa o Concello ante as dúbidas sobre o seu bo resultado

Tomiño, 3 de xuño de 2025.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de esixirlle ao goberno local que achegue información de xeito urxente e comece a actuar coa maior transparencia ante a súa intención de implantar un novo modelo de recollida de lixo, xa que expresou as súas serias dúbidas sobre o bo resultado e a xeración de problemas á veciñanza.

Os populares lembraron que as forzas de esquerda de diferentes puntos de Galicia xa tentaron impulsar, ao longo das últimas décadas, proxectos alternativos que ata a data “demostrouse como o máis eficiente para o tratamento dos residuos sólidos urbanos dos concellos galegos”.

Neste senso, recalcaron que estas iniciativas de xestión do lixo a través da planta coruñesa de Nostián, a da comarca do Barbanza ou a emprendida polo Concello de Pontevedra “demostráronse absolutamente fracasadas” e expresaron o seu temor a que o Concello de Tomiño “vaia polo mesmo camiño”.

“Cremos que o Concello pode estar metendo o barco nas pedras incidindo en modelos que se demostraron fracasados e por iso esiximos explicacións e información sobre o que pretenden facer co lixo, porque ademais corremos o risco de que se tiren 1,2 millóns de euros, que é o orzamento dunha iniciativa que ademais vai ser cofinanciada con 900.000 euros da Deputación ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria”, sinalou a voceira municipal, Mónica Otero, que indicou que esta importante contía provincial “estaría moito mellor destinada ás moitas necesidades en servizos e infraestruturas deficitarios que padecen os veciños que a experimentos do BNG”, en referenza a proxectos de saneamento, que presenta moitas carencias e que foi a proposta realizada polos populares.

O PP tomiñés concretou que, ata o momento, “só se coñecen palabras bonitas do novo modelo, sostendo que vai ser máis eficiente, sostible e adaptado a un territorio rural e disperso, o que sona a un contido plenamente irreal” e engadiu que as liñas mestras pasan pola ampliación da compostaxe cun novo centro comunitario e coa distribución de aparellos individuais para os domicilios, a modernización dos contedores de vidro, papel e envases lixeiros e accións de sensibilización e educación ambiental. “Polo momento, e co pouco que se sabe, parece que apostan polo modelo de Pontevedra que, a verdade, non dá arrancado, así que queremos información de se van replicar o da capital provincial só porque tamén goberna o BNG e que non está a ser exitoso ou teñen outras ideas, pero a falta de información é clamorosa malia que vai ser o investimento máis grande do mandato”, sinalou a concelleira.

Por elo, desde o PP solicitan que se dean explicacións aos grupos municipais sobre este novo modelo e que se informe á veciñanza sobre os cambios que vai haber no depósito, a reciclaxe e a separación de residuos, “xa que o papel da xente é fundamental en calquera proceso destas características”.

Finalmente, os populares queren saber se o novo modelo do lixo de Tomiño tamén está vencellado ao convenio asinado pola alcaldesa a finais do pasado ano co concello portugués de Porto para tomar como referencia o seu sistema.