O PP DE TOMIÑO ESIXE EXPLICACIÓNS Á ALCALDESA SANDRA GONZÁLEZ ANTE A FALTA DE TRANSPARENCIA DO GOBERNO DO BNG SOBRE OS PAGOS DO CONCELLO EN EFECTIVO, PROHIBIDOS POLA LEI

Tomiño, 17 de setembro de 2026

O PP de Tomiño vén esixir explicacións públicas á alcaldesa, Sandra González, ante a falta de transparencia do goberno local do BNG sobre a realización, por parte do Concello, de pagos en efectivo a empresas afíns, xa que están prohibidos por lei. Neste senso, reiteran a necesidade de que a rexedora informe desta trama despois das evidentes mentiras do concelleiro de Planificación Económica, Uxío Benítez, negando a existencia destes abonos en man malia que aparecen recollidos especificamente en documentación oficial.

Os populares reiteraron as súas acusacións de que existen facturas supostamente presentadas irregularmente contra os criterios técnicos, servizos continuados sen licitación malia que exceden dos importes máximos dos contratos menores e unha concorrencia continuada de dúas mesmas empresas, “polo que está claro que hai cuestións moi estranas que o goberno agocha e ás que lle queren dar carpetazo”.

“Hai irregularidades e presuntas ilegalidades e este asunto non se vai pechar simplemente porque Uxío Benítez saia a tapar a Sandra González dicindo que a xestión económica do Concello é correcta. Porque hai moitas evidencias de que non o é”, sinalou a presidenta do PP local, Lara Meneses.

En primeiro lugar, desde o PP recalcaron que obra no seu poder documentación oficial do Concello no que se especifica textualmente que o pago de decenas de facturas se realizou “en man” e explicaron que, en bastantes casos, superouse o máximo legal de 1.000 euros mentres que noutros non se alcanzaba esa contía por separado pero se producíu un suposto caso de fraccionamento con varias facturas presentadas por unha mesma empresa un mesmo día.

Ademais, recalcaron que hai dúas empresas que “se levan gran parte do pastel dos ‘dedazos’ irregulares do Concello”, posto que facturan anualmente á administración local unha contía superior ao máximo que se permite para non ter que licitar o servizo.

En total, os populares teñen detectado que estas anomalías económicas teñen superado os 900.000 euros nos cinco anos do período 2021-2025 “con cuestións especialmente sospeitosas nas que se dispara a facturación no ano 2023 coincidindo coas derradeiras eleccións municipais”.

“O goberno do BNG di que non é certo que se pagaran facturas en efectivo, algo que é alucinante en pleno 2026 e máis desde unha administración pública, pero a documentación os desminte. Tamén di que non hai trato de favor, pero dúas empresas prestan servizos sen unha licitación de contrato malia superar o tope legal. E o levantamento dos reparos, aínda que é certo que é un mecanismo, indica que os técnicos aclaran que iso non se pode facer conforme á lei. Polo tanto, a veciñanza de Tomiño merece unhas explicacións e, chegado o caso, a depuración de responsabilidades”, manifestou Lara Meneses, que ironizou coas acusacións de Uxío Benítez sobre a política do barro do PP: “O único barro que vemos é o dos pés dun goberno que se desmorona”.