O PP de Tomiño esixe ao Concello que lidere a loita contras as pragas de moscas tras anos de pasotismo e medidas fallidas promovendo unha ordenanza reguladora e un pacto coa Xunta

Tomiño, 7 de outubro de 2025.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de esixirlle ao Concello que lidere a loita contra as pragas de moscas que adoitan a aparecer en moitos puntos do termo durante os meses de calor e que teñen convertido ao municipio na “zona cero” deste problema de saúde pública en toda a comunidade galega. Os populares lamentaron que, desde que comezou a xurdir esta situación hai catro ou cinco anos, o goberno nacionalista estivo a cabalo entre o pasotismo e adopción de pírricas medidas fallidas, polo que lle reclama que encabece a busca dunha solución e que alcance un pacto de colaboración coa Xunta para acadar a súa erradicación ou, cando menos, minimizar os seus efectos entre a veciñanza.

Os populares, que reiteran que as normativas estatal e autonómica na materia obrigan ao Concello a actuar nestes casos, cren necesario que se alcance un pacto entre ambas administracións, posto que ambas teñen competencias nesta materia, xa que lembrou que a entidade local é a que emite as licenzas de actividade agrarias, cos seus plans de abono e de xestión de residuos, mentres que a autonómica ten que realizar as correspondentes tarefas de inspección e control.

“Tendo en conta que os estudos e análises feitas apuntan a que procedencias destas pragas xurde do emprego de abonos e doutras tarefas do sector primario, que no noso concello teñen máis afección que noutras zonas agrogandeiras como O Deza porque temos as temperaturas moito máis elevadas que no norte da provincia, cremos que hai que abordar a busca de solucións nesta materia tratando de compatibilizar a importancia do sector hortofrutícola do noso concello co dereito dos veciños a vivir sen estas pragas”, detallou a voceira municipal, Mónica Otero.

Neste senso, os populares de Tomiño cren que o Concello debe actuar con maior dilixencia na concesión destas licenzas agrarias e no feito de que se cumpra o recollido nos proxectos que amparan a súa emisión e tamén debe xestionar coa Xunta outras posibles solucións para os abonos ou os residuos no campo, que se poderían calendar para épocas de menor temperatura e incluso tratarse en zonas máis alonxadas das vivendas.

Incluso, avogan pola elaboración e aprobación dunha ordenanza municipal reguladora de pragas con medidas para o seu control, que poderían desenvolverse en colaboración con outras administracións, pero insisten na necesidade que o Concello se poña ao fronte desta situación.

“Está claro que non é unha cuestión fácil, pero con traballo, vontade e colaboración entre todas as partes estamos seguros de que se poderán alcanzar medidas e acordos que erradiquen ou diminúan este problema”, aseverou a concelleira popular, que amosou o apoio do PP aos afectados, que se manifestaron este pasado domingo en Carregal para esixir solucións das distintas administracións.

Para o PP local, o Concello é quen debe liderar este proceso “tomándose en serio este problema dunha vez por todas tras moito tempo de excusas, de culpabilizar á Xunta e de escapar por completo da súa responsabilidade”, xa que lembrou que ten certas competencias nesta materia e que, ademais, é a administración máis cercana aos veciños e a que mellor coñece o territorio.