O PP DE TOMIÑO DESTAPA GRAVES ILEGALIDADES ECONÓMICAS NA XESTIÓN DO GOBERNO DE SANDRA GONZÁLEZ CON PAGOS AO CONTADO QUE SUPERAN O TOPE LEGAL, FACTURAS IRREGULARES, SERVIZOS SEN CONCURSO PÚBLICO E LEVANTAMENTO DE REPAROS DE INTERVENCIÓN
Tomiño, 4 de setembro de 2026.
O PP de Tomiño vén de destapar a existencia de graves ilegalidades económicas na xestión do goberno dirixido por Sandra González no que se refire á contratación de empresas e prestación de servizos, posto que teñen detectado pagos ao contado que superan o tope legal de 1.000 euros, facturas irregulares pola súa reiteración e superar globalmente o máximo permitido sen licitación e servizos que se prestan sen o correspondente concurso público. Todas estas circunstancias veñen de ser advertidas pola Intervención Municipal a través dos conseguintes reparos, que sempre son levantados polo executivo nacionalista.
Os populares indicaron que dita investigación se atopa na fase inicial, posto que o executivo municipal, en aras dunha falsa confidencialidade, resistíuse a entregarlle a documentación formalmente solicitada durante moitos meses ata que os servizos técnicos municipais atenderon a correcta petición do PP.
“Hai moitas cousas que non nos cadran hai moito tempo porque existe algunha empresa que ten presentado unhas 300 facturas pequenas nos últimos cinco anos e ademais, se non houbera nada que ocultar, non entendemos porque se nos negaba reiteradamente unha documentación que debe ser pública e á que temos dereito, pero agora que dispoñemos dela comezamos a entender que o goberno de Sandra González tiña intención de agochar certas prácticas”, manifestou a presidenta do PP local, Lara Meneses.
Ante esta situación, os populares están a estudar como proceder a nivel xurídico para denunciar esta situación, xa que cren que, polas empresas beneficiadas, pode tratarse dunha trama para beneficiar a persoas afíns, xa que a maior parte destas irregularidades afectan a dúas empresas, unha de informática e outra de servizos varios, aínda que tamén existe unha terceira que realiza traballos para o Concello sen o correpondente concurso público malia superar a contía anual permitida para as contratacións directas.
En concreto, o PP de Tomiño ten detectado o pago de diversas facturas en efectivo, que é algo anómalo pero permitido, pero algunhas delas non se puideron facer en ningún caso baixo esta modalidade posto que superan os 1.000 euros de tope recollidos pola Lei de Prevención e Loita contra o Fraude Fiscal. Ademais, tamén se localizaron diversas facturas dunha mesma empresa presentada o mesmo día no que podería ser un caso irregular de fraccionamento, que é outra cuestión prohibida pola normativa.
En concreto, estas actuacións irregulares na xestión económica do Concello superan, polo momento, os 900.000 euros nos cinco anos entre 2021 e 2025 e inclúen o pago de cantidades inxentes por múltiples facturas de pequenos importes, a realización de traballos reiterados sen licitación e superando as cantidades que permite a lei para os contratos menores ou a prestación de servizos sen concurso público malia que o requiren por cantidade e por duración no tempo.
“Cremos que estamos ante unha situación moi grave que afecta aos cartos de todos os tomiñeses e cos que o goberno de Sandra González non semella estar xogando limpo non sabemos con que intereses, pero imos seguir estudando este asunto xuridicamente dada a súa gravidade para determinar as vías que imos adoptar para que se depuren responsabilidades”, concluiu Meneses.