O PP DE TOMIÑO DENUNCIA O ESTADO DE “ABSOLUTO ABANDONO” NAS PISTAS, SANEAMENTO, SERVIZOS E LIMPEZA DAS PARROQUIAS E COMPARTE A “INDIGNACIÓN” DOS 7.617 VECIÑOS DO RURAL

Tomiño, 18 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de denunciar o estado de “absoluto abandono” das parroquias rurais do concello, posto que non hai apenas nin investimentos nin mantemento para as súas pistas, equipamentos, servizos ou tarefas de limpeza, polo que asegurou compartir a “indignación” dos 7.617 tomiñeses que residente nestas contornas e anunciou que vai emprender unha serie de accións para esixirlle ao goberno do BNG que comece a atendelas axeitadamente.

Os populares indicaron, a raíz das labores de autopromoción do executivo de Sandra González sobre as actuacións nos cascos urbanos, que os nacionalistas estanse adicando exclusivamente ao modelo urbano, malia que tamén está a causar problemas evidentes nos núcleos de Tomiño e Goián en materia de mobilidade ou comercio, entre outros.

Pero en todo caso, a aplicación desta axenda ideolóxica está a provocar unha “deixación de funcións irresponsable” no benestar e atención ás 13 parroquias rurais, nas que o goberno do Bloque “está a avanzar cara a política de investimento cero”, segundo denunciou a presidenta do PP local, Lara Meneses.

“Dá a sensación de que Sandra González só goberna para os 6.000 veciños dos cascos urbanos, e aínda así cremos que moitas veces de maneira errada, pero o que é inadmisible é que pase absolutamente da xente do rural e das parroquias, porque neste quinto mandato semella que a maior parte do noso territorio e dos seus veciños non son da súa responsabilidade”, sinalou a representante popular.

Lara Meneses lamentou que a práctica totalidade das pistas das parroquias “atópanse nun estado bochornoso” e fronte a isto o goberno do BNG limítase a facer un simple e insuficiente bacheo antes das eleccións municipais. Ademais, máis de 5.000 tomiñeses das parroquias carecen de servizo municipal de saneamento e o Concello segue sen avanzar practicamente nada nesta cuestión básica malia que é a súa gran prioridade e demanda.

Finalmente, a presidenta do PP tamén criticou a inexistencia de iniciativas e investimentos para os espazos públicos, os equipamentos ou as tarefas de limpeza e coidado, que é algo que achacou “á propia política do BNG de desprezo ao noso rural, o que está a provocar que no Concello de Tomiño haxa un claro desequiblibrio derivado de que todos os recursos económicos, a atención e a xestión do goberno local estean orientados en exclusiva ao modelo urbano”.