O PP de Tomiño denuncia o abandono das parroquias do goberno local tras rexeitar a mellora das pistas malia o seu pésimo estado e a demandada extensión do saneamento

Tomiño, 17 de xullo de 2026.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de denunciar o absoluto abandono das parroquias por parte do goberno local do BNG despois de que, no derradeiro pleno, rexeitase a proposta popular para acometer de xeito urxente un plan integral de mellora de pistas que consideran “imprescindible” polo seu pésimo estado e para sacar adiante a demandada extensión do servizo de saneamento. Ademais, na moción do PP tamén se incluía unha necesaria remodelación dos servizos e dos espazos públicos das zonas non urbanas que tamén foi desbotada polo executivo.

Os populares lamentaron esta actitude do goberno nacionalista, que votou en contra dunha proposta “feita co mellor ánimo construtivo e orientada exclusivamente a atender aos veciños das parroquias”, e incidíu en que hai “evidentes necesidades e moitas reclamacións destes tomiñeses” ante o franco deterioro e degradación da situación do rural. Por iso, anunciaron que, como levan facendo estes tres anos, seguirán insistindo fronte á política de “oídos xordos” e a pechazón do Bloque.

A presidenta do PP local, Lara Meneses, considera que o executivo nacionalista están a incorrer nunha “absoluta deixación de función” coas infraestruturas viarias e os servizos básicos dos 7.617 veciños que residen nas parroquias, xa que carecen dos equipamentos que garantan un mínimo nivel de calidade de vida ou sufren o deterioro dos poucos dos que disfrutan na actualidade.

A representante popular cre que esta situación xurde da “nula consideración” do goberno de Sandra González coas parroquias, «xa que parece que lle molestan na súa intención de apostar exclusivamente polas vilas e por investir todos os recursos nun modelo urbano que, erradamente, está a causar moitos problemas na mobilidade e no comercio, así como por un cambio no formato da recollida do lixo que presenta eivas e que nos aboca a outra suba da taxa tras triplicala nos últimos oito anos”.

Froito desta política sectaria, Lara Meneses sinalou que o pasotismo do goberno do BNG co rural nos catro mandatos anteriores multiplicouse exponencialmente no presente, xa que concretou que os investimentos para as parroquias foron pírricos ou inexistentes, así como totalmente insuficientes para atender as mínimas demandas dos veciños e, en calquer caso, só se realizaron en caso de que chegaran fondos da Xunta e da Deputación.

Finalmente, a máxima responsable do PP de Tomiño afeoulle á alcaldesa as súa manifestacións no pasado pleno cando, tras desprezar as necesarias melloras para o rural, criticou que os populares vaian centrarse nas pistas e o saneamento do rural nestes próximos meses antes das eleccións: “Todo o mundo sabe que esas palabras de Sandra González son mentira e encaixan nun simple intento de facer ver que actuamos por electoralismo cando, como saben todos os veciños das nosas parroquias, levamos tres anos reclamando investimentos para eles sen desmaio e imos seguir por esta liña ata o final para que se lles conceda o que merecen por xustiza”.