O PP de Tomiño denuncia a “suciedade extrema” da vila e o abandono dos espazos públicos das parroquias e esixe melloras inmediatas no servizo de limpeza

Tomiño, 13 de marzo de 2026.

O PP de Tomiño vén de denunciar a “suciedade extrema” que padece a vila e o abandono no mantemento de ornato e limpeza dos espazos públicos das parroquias polo pasotismo do goberno nacionalista e esixe a adopción de melloras inmediatas no servizo de limpeza.

Os populares lembraron que levan durante todo o mandato trasladando as cada vez máis crecentes queixas dos veciños polo deterioro na limpeza e a presenza dunha maior suciedade tanto nas rúas e prazas da localidade como nas parroquias, pero recalcaron que nos últimos meses estase a detectar unha maior degradación nestas tarefas de mantemento.

De feito, a formación liderada por Lara Meneses lamentou que as beirarrúas de Tomiño estean totalmente ennegrecidas, algo que era notorio e que se fixo totalmente evidente cando un hostaleiro do centro limpou a parte frontal do seu negocio. “Todo o mundo comentaba que a vila estaba sucia, pero este feito sacou á luz o mal estado das beirarrúas polo forte contraste e nestes días a veciñanza non fala doutra cousa que non sexa a necesidade urxente de máis limpeza”, indicou a presidenta local.

Así mesmo, os populares tomiñeses indicaron que a retirada do lixo urbano e a limpeza está a presentar outras eivas “que distan moito da calidade do servizo que merecen os veciños” e culparon desta situación ao goberno de Sandra González porque deixa de lado o necesario control e supervisión do día a día desta prestación mentres impulsa “ensoñacións fallidas” no cambio do modelo de recollida de residuos.

Neste senso, Lara Meneses calificou de “incomprensible” que se vaian adicar 1,2 millóns de euros a un novo formato para o lixo, desaproveitando unha importante achega da Deputación ao abeiro do Plan Extra, “mentres Tomiño está cada día máis sucio porque non atenden ás cousas máis básicas do servizo de limpeza”.