O PP DE TOMIÑO DENUNCIA A SITUACIÓN DE “PRECARIEDADE ABSOLUTA” DA AGRUPACIÓN DE PROTECCIÓN CIVIL E INSTA AO CONCELLO A DOTALOS DE MEDIOS MODERNOS
Tomiño, 9 de decembro de 2025
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de denunciar a situación de “precariedade absoluta” na que está inmersa a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil polo abandono que sufre por parte do goberno local e quere instar ao Concello a dotala de medios modernos para atender as incidencias e emerxencias e a regularizar a situación dos seus efectivos.
Os populares, que recibiron información de primeira man dos representantes da entidade sobre o estado actual do servizo, revelaron que neste momento a agrupación conta cunha trintena de integrantes, pero só están asegurados a metade deles, polo que se ven obrigados a facer “encaixe de bolillos” para tratar de que en todas as intervencións participen alomenos varios dos membros regularizados.
Así mesmo, Protección Civil de Tomiño ten bastante material de actuación caducado, nalgúns casos desde o ano 2014, e lamentan que o goberno local rexeite, alomenos ata o próximo ano, a renovación do mesmo. “Cremos que é imprescindible e urxente que se lles dote de medios e ferramentas de intervención para que poidan traballar coa máxima seguridade e garantías, tanto pola súa integridade como pola correcta prestación dos servizos”, aseverou a voceira municipal, Mónica Otero.
Neste caso, o PP de Tomiño explicou que recentemente a agrupación tivo que acudir ao rescate dun can que caeu nun pozo duns 15 metros de altura e os arneses estaban caducados, o que fixo que lle elevaran a correspondente protesta ao edil encargado, que non lles deu ningunha solución. “Cremos que esta non é a maneira axeitada de traballar nun servizo básico dun concello de máis de 14.000 habitantes e 10 millóns de euros de orzamento”, manifestou a concelleira.
Os populares indicaron que outra das peticións da agrupación pasa pola designación dun coordinador, que cobraría un pequeno salario, pola necesidade de contar cunha persoa que se adique exclusivamente a planificar todo o servizo tendo en conta que o volumen de intervencións anual está a medrar nun 50%, posto que pasaron das 300 de 2024 a 450 nos dez primeiros meses deste ano. Ao respecto, indicaron que o goberno local tamén se nega a este nomeamento malia que contribuiría enormemente a profesionalizar o servizo e a atención aos cidadáns, xa non só de Tomiño, senón tamén doutros concellos da contorna aos que acuden a atender incidencias no marco da colaboración intermunicipal nas emerxencias.