O PP de Tomiño denuncia a privatización da nova Biblioteca Municipal no espazo Isaura Gómez e esixe ao goberno local que rectifique e aposte pola xestión municipal
Tomiño, 31 de maio de 2025.
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de denunciar a privatización da nova Biblioteca Municipal por parte do goberno do BNG despois de que sacara a licitación o servizo de xestión e coordinación deste servizo por 233.000 euros en dous anos –a razón de 116.500 euros por exercicio–, polo que vai esixirlles aos nacionalistas que rectifiquen e aposten pola xestión municipal directa.
Os populares lamentan, en primeira instancia, o “despilfarro absoluto” para proceder á apertura dun servizo básico para a veciñanza e engadiron que, aínda que no contrato se inclúan algunhas actividades de dinamización, animación e lecer, “estas debían contratarse, como fan todos os concellos, de xeito paralelo, pero garantindo o control total do Concello sobre esta instalación”.
A voceira municipal, Mónica Otero, explicou que, para o PP, a xestión externa da futura Biblioteca, emprazada no Espazo Isaura Gómez, pode acarrexar moitos problemas, xa que loxicamente a empresa concesionaria vai mirar pola súa rendibilidade e non vai ter en conta a flexibilidade horaria e outras cuestións que se aplican nos demais concellos en determinadas épocas do ano nas que se precisa un maior uso da instalación e que poden acometerse por ser de xestión municipal.
O PP de Tomiño tamén criticou a dobre vara de medir do Bloque con respecto a xestión externa de servizos e considerou que, con esta decisión sobre a biblioteca, quedan absolutamente en evidencia: “Sen falar xa da dilapidación de fondos públicos, é lamentable escoitar ao BNG como suposto e falso defensor do público, porque critica moito ao PP cando fai algunha privatización dun servizo, pero os nacionalistas de Tomiño veñen de levarse a palma como adalides do privado, porque facelo con algo tan básico como unha biblioteca é inaudito e practicamente único na provincia”.
Polo demais, os populares tamén solicitan transparencia ao goberno local para que informe da apertura do Espazo Isaura Gómez despois de que lles negara o acceso aos concelleiros para coñecer o estado da instalación, “xa que estamos ante unha obra eterna, que levan alomenos tres ou catro anos de retraso e agora din que agardan poñela en funcionamento ao longo do presente 2025, peo o que queremos, como todos os tomiñeses, é información fehaciente despois de tantos incumprimentos”.
Finalmente, o PP de Tomiño anunciou que permanecerá vixilante ante este proceso de contratación da apertura e xestión da nova biblioteca e tamén estará atento ao seu funcionamento para comprobar que responde ás demandas e necesidades dos veciños, xa que en principio defende que esta instalación, dado o seu carácter básico, debe ser de xestión municipal pública e directa. Por elo, pretende incluír a súa remunicipalización entre as propostas do programa electoral de 2027, que é xusto cando vence esta concesión privatizadora impulsada polo BNG.