O PP DE TOMIÑO DENUNCIA A FALTA DE OBRAS DE MANTEMENTO POR PARTE DO CONCELLO NA ESCOLA INFANTIL DE GOIÁN DURANTE ESTE VERÁN E LAMENTA OS RISCOS POLA MALA SITUACIÓN DO PATIO

Tomiño, 6 de setembro de 2025.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de denunciar a falta de execución de obras de mantemento e conservación por parte do Concello na escola infantil de Goián durante os meses de verán e lamenta que esta situación poida xerar riscos entre os cativos principalmente no patio, que se atopa en moi malas condicións.

Os populares critican “a desidia e pasotismo absolutos” por parte do goberno do BNG á hora de acometer unha competencia municipal, xa que, aínda que a escola pertence á rede autonómica da Galiña Azul, as tarefas de mantemento correspóndelle aos Concellos, tal e como se acordou no seo da Fegamp e como confirmou reiteradamente a Xustiza.

“Deixan aos nenos de Goián nunha situación de abandono e desamparo por non arranxar catro pequenas cousas que levarían pouco tempo e apenas supoñen uns poucos cartos. Ademais, é a súa obriga, tal e como fixeron os demais concellos, demostrando un esgotamento e un desgaste por parte do BNG tras cinco mandatos que xeran unha desatención aos veciños nas cuestións máis básicas”, manifestou a voceira municipal, Mónica Otero.

Neste senso, o PP tomiñés revelou que a escola infantil de Goián, que abrirá as súas portas para dar comezo ás clases o próximo luns 8 de setembro, presenta estores rotos, buratos no patio que impiden que os nenos saian ante o risco de mancarse ou caer, a zona verde do exterior está moi descoidada, algunhas partes do valado están descolocadas e presentan puntas saídas e pequenas achas de madeira, hai humidades no edificio, existe un apuntalamento do inmoble na parte exterior que pode provocar caídas e tamén hai unha falta de roza xeralizada nas árbores do centro.

Ante esta situación, os populares reclámanlle ao goberno de Sandra González que acometa de inmediato estas tarefas de mantemento e acondicionamento da escola infantil de Goián e que as faga preferentemente nos primeiros días da próxima semana, tentando causar as menores molestias aos usuarios e garantindo que o resto do curso escolar se poida desenvolver nunha situación de confortabilidade e seguridade.