O PP DE TOMIÑO CRITICA QUE O GOBERNO DO BNG TEÑA IMPLANTADA UNHA DAS TAXAS DO LIXO MÁIS ALTAS DA PROVINCIA TRAS TRIPLICALA NOS ÚLTIMOS OITO ANOS ATA OS 120 EUROS ANUAIS POR VIVENDA
Tomiño, 16 de outubro de 2025.
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de acusar ao goberno local do BNG, co gallo da polémica polas taxas do lixo, de ter implantada, xa desde este ano, unha das taxas de limpeza e recollida do lixo máis altas da provincia de Pontevedra, xa que está fixada en 120 euros anuais por vivenda tras triplicala nos últimos oito anos.
“Agora que se fala da polémica pola taxa do Morrazo, onde o BNG pretende elevala ata 126 euros para o próximo ano, temos que criticar, como xa fixemos o ano pasado no pleno de modificación da ordenanza, que os tomiñeses xa sufrimos esta xestión do Bloque con anterioridade, supoñemos que a modo de triste experimento, porque xa estamos nese alto nivel de cota desde este ano”, manifestou a voceira municipal, Mónica Otero.
Os populares revelaron que o Concello tiña unha taxa de limpeza e recollida de lixo fixada en 40 euros anuais por vivenda e duplicouna no ano 2017 ata os 80 euros e completou esta medida coa aprobación, en outubro do ano pasado, doutra suba ata os 120 euros que xa estivo en vigor no presente exercicio.
O PP tomiñés concretou que este incremento do 200% na tarifa do lixo nos últimos oito anos contraponse por completo coa inflación acumulada neste período, que foi do 22% segundo datos oficiais e que coincide coa cifra coa que subiron os salarios. “O que medraron os soldos dos tomiñenses nestes últimos oito anos non se correspondeu para nada co sablazo que nos meteu o BNG co lixo, así que lembrarémosllo cada vez que falen da perda de poder adquisitivo dos cidadáns”, sinalou a concelleira.
Ademais, os populares cren que a situación sobre esta ordenanza fiscal “aínda pode empeorar”, xa que temen que o executivo de Sandra González poida acometer algunha nova suba próximamente, posto que o Concello está a impulsar un cambio no modelo de xestión de residuos “que entendemos que vai ser potente posto que no mesmo teñen previsto desperdiciar 1,2 millóns de euros aproveitando o cofinanciamento que lles ofrece a Deputación ao abeiro do Plan Extra”.
O PP afondou ademais nas súas críticas polas “excesivas taxas” do lixo que se pagan no Concello de Tomiño comparando coas cifras do resto da bisbarra do Baixo Miño, xa que en Oia abonan 42 euros anuais por vivenda; no Rosal, tamén gobernado polo BNG, veñen de incremtalas ata os 61 euros; mentres que na Guarda están fixadas en 62 euros. “Cremos que está claro, porque onde hai datos sobran opinión, que se pode ofrecer un servizo de calidade por moito menos do que pagan os nosos veciños, tal e como se pode comprobar nos nosos concellos veciños”, aseverou a edil.
Finalmente, o PP lamentou a “falta de transparencia e sentimento de culpa” por estas elevadas tarifas da recollida de lixo por parte do BNG, “xa que non ten nin colgada a nova ordenanza coas correspondentes taxas porque supoñemos que ata lle dá pudor que se saiba o moito que cobran por este servizo” e anunciou que preguntará polo novo modelo, as intencións futuras do goberno sobre esta taxa e a posibilidade de que abandone o sistema de tratamento a través de Sogama ao tempo que revindicará que se poñan valores máis axustados á realidade social e os salarios dos veciños.