O PP de Tomiño alerta de que o goberno ten un proxecto de peonalización integral e peche ao tráfico da rúa Gondomar do que non se informou aos veciños polo rexeitamento social

Tomiño, 31 de outubro de 2025.

O PP de Tomiño vén de alertar de que o goberno nacionalista ten redactado un proxecto de peonalización integral e peche total ao tráfico -agás para residentes polo acceso aos garaxes- da rúa Gondomar, que é a arteria principal da vila, e lamenta que estes movementos do BNG sobre o futuro desa vía urbana estratéxica non foran informados aos veciños.

De feito, os populares sosteñen que o “segredismo e escurantismo” co que está a actuar o executivo de Sandra González neste asunto débese, segundo a presidenta local, Lara Meneses, ao rexeitamento social maioritario que esperta esta posible peonalización radical do centro entre os veciños e comerciantes.

O PP tomiñés interesouse por esta cuestión no pleno celebrado onte á noite tras descubrir a existencia dun proxecto xa redactado para a humanización e peche ao tráfico da rúa Gondomar e formulou varias preguntas ao goberno nacionalista a través da concelleira Alba Martínez.

Segundo revelaron os populares, o Bloque, a través do edil Uxío Benítez e posteriormente da propia rexedora, sostivo inicialmente que “non constaba” a intención de acometer esa peonalización, pero ante a insistencia do PP, e incurrindo en claras contradiccións, acabou admitindo que existe un proxecto e que o está a mover entre distintas administracións na busca de financiamento.

“Tras corrixirse a sí mesmos, porque teñen medo da contestación social ante unha iniciativa que levan anos argallando facer aínda que a maioría dos veciños estean en contra, dixeron que de momento non está na súa axenda política, pero creo que todos debemos estar preparados, principalmente os veciños e comerciantes desa rúa, porque moito nos tememos que tenten acometer a obra polas bravas coa súa habitual política de feitos consumados”, advertíu Lara Meneses.

A presidenta do PP local explicou que xeralmente as actuacións do goberno do BNG teñen moito “bombo e pratiño” e anuncian as cousas un montón de veces antes de levalas a cabo, e aí está o exemplo do Espazo Isaura Gómez, que tardou moitísimos anos en ser unha realidade pero deixou centos de titulares de prensa. “Pero neste caso todo é moi sospeitoso e sixiloso cunha liña de actuación de agochamento totalmente contraria ao seu funcionamento normal, xa que eles primeiro anuncian e logo fan, así que moito nos tememos que pretendan coar o proxecto pola porta de atrás porque son coñecedores de que todo o comercio, e non só o desa rúa, e a maioría dos tomiñeses están en contra de pechala, pero o BNG está empeñado hai moito tempo”, sinalou Lara Meneses, que criticou esta actitude, xa que considerase que debe “gobernarse para a xente e facelo con transparencia, non ás agochadas só para sacar adiante as súas cuestión ideolóxicas contra o interese xeral”.

Finalmente, o PP de Tomiño, tras a revelación de que ese proxecto de peonalización existe e de que a posibilidade de acometelo está sobre a mesa sen data, anunciou que vai comezar a emprender unha campaña informativa entre a veciñanza e o comercio e adoptará as medidas políticas necesarias para que se atendan os intereses e desexos da maioría social.

Neste senso, os populares lembraron os prexuízos que as distintas actuacións do BNG, no marco a implantación da súa axenda urbana, lle teñen causado ao comercio local nos últimos anos e anunciaron que se oporán a calquera medida “que siga provocando o seu declive e o incremento dos peches de negocios”.