O PP de Tomiño alerta de posibles subas da taxa do lixo polos custes elevados do novo modelo que pretende implantar o goberno e lamenta que discrimine de novo ás parroquias

Tomiño, 24 de abril de 2026.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de alertar de que o goberno local podería impulsar máis subas da taxa do lixo –tras triplicala nos últimos oito anos– polos elevados custes do novo modelo que pretende implantar o BNG e lamenta que o funcionamento deste formato prexudique e discrimine de novo ás parroquias “noutro exemplo máis de que ao BNG o rural moléstalle”.

En primeiro lugar, e tras analizar polo miúdo a proposta presentada a semana pasada polo executivo de Sandra González, os populares comezaron lamentando que se vaian a dilapidar 1,2 millóns de euros procedentes integramente da Deputación “que ben se poderían adicar á extensión do demandado saneamento” antes que a un novo formato de recollida do lixo que arroxa “moitas dúbidas e problemas evidentes”.

Pero é que ademais, o PP tomiñés engadíu que cando se esgote este financiamento provincial extraordinario de carácter finalista vai haber que buscar fondos para pagar un novo modelo que semella bastante caro, posto que, aínda que baixen algo os custes do tratamento por unha maior reciclaxe, o Concello vai ter que pagar as bolsas que se entregan os usuarios, a reposición e arranxo de contedores, as empresas de recollida –nas que se inclúe o porta a porta do rural– e tamén a de xestión dos equipos informáticos e de supervisión e control do lixo para comprobar a axeitada separación do lixo.

Por iso, os populares sosteñen que o novo formato vai ter claramente un custe anual bastante superior ao actual, polo que o seu pago vai abocar ao Concello a novas alzas deste imposto. “O goberno local xa triplicou a taxa do lixo, pasando de 40 a 120 euros nestes anos, e incluso cunha derradeira suba de 40 euros o pasado exercicio ás agochadas e todo iso sen facer nin unha soa mellora no servizo. Así que, agás que descubran un sistema novidoso de facer cartos, todo apunta a que os veciños terán que implicarse máis e tamén pagar máis no tema dos residuos”, sinalou a voceira municipal, Mónica Otero.

O PP local defendeu a aposta pola reciclaxe, o coidado do  medio ambiente e a busca da sostibilidade como clave para o futuro de Tomiño, pero cre que a intención do BNG é fuxir de Sogama pola “xenreira” que lle teñen a un sistema implantado polo PP malia que é dos máis eficientes de España, pero lembraron que todos os intentos que emprenderon en diversos puntos de Galicia foron fallidos, como o recente caso da quebrada Mancomunidade do Barbanza.

Os populares, que lembraron que os graves problemas deste modelo durante alomenos dous anos foron advertidos por un técnico extremeño na charla informativa organizada polo Concello, sinalaron que os 6.200 veciños dos cascos urbanos de Tomiño e Goián terán que depositar o lixo cunha tarxeta identificativa nos 19 puntos de depósito, pero a identificación dos que non reciclen pode converter o sistema “nunha especie de caza de bruxas” a través de sistema de pesaxe das bolsas.

No caso do rural, cada vivenda recibirá catro contedores unitarios de 150 litros cada un que serán recollidos semanal ou mensualmente, segundo o tipo de residuo, no que supón outra discriminación, posto que a xente das parroquias terá que ter almacenados os restos na súa casa, nalgúns casos ata trinta días, e sen que se teña aclarado que se fará cos residuos orgánicos.