O PP de Tomiño acusa ao goberno local de perpetrar unha “cacicada” por cancelar o Rallymix Serra Argallo a dúas horas da presentación tras concederlle todos os permisos
Tomiño, 19 de maio de 2026.
O PP de Tomiño vén de acusar ao goberno local de perpetrar unha “cacicada de enormes dimensión” por cancelar o Rallymix Serra Argallo-Figueiró a só dúas horas do seu acto oficial de presentación tras terlle concedido todas as licenzas e permisos e incumprir a normativa de revogación das mesmas, que tamén ten uns prazos e uns trámites que non se respectaron neste caso.
Os populares lamentaron as xustificacións e excusas do executivo de Sandra González, ao que acusaron de “pregarse ás reclamacións de tres persoas afíns ao BNG” contrarias á celebración desta proba deportiva e decretar a anulación da carreira “amparándose nunha solicitude apoiada por 200 supostas sinaturas que non son reais, alomenos de veciños de Tomiño ou de persoas realmente afectadas, posto que na contorna do treito conflitivo deste Rallymix só residen 16 persoas”.
“O Concello sabía perfectamente por onde ía pasar o ralli e deu todos os permisos e, por arte de maxia, pouco antes da presentación tumban a proba de xeito totalmente irregular nunha manobra sen sentido e que non se atreven a facer noutros sitios aínda que haxa queixas, polo que actúan só en base aos seus intereses políticos”, explicou a presidenta do PP local, Lara Meneses.
A representante do PP, que lle gustaría que se permitise a celebración desta proba de motor para que poida seguir consolidándose no circuito galego, lamentou que o Concello estea a xogar e a botar abaixo moitos meses de traballo de moitas persoas causando importantes prexuízos aos deportistas, os patrocinadores, a propia organización e o municipio en xeral polo importante retorno socioeconómico que ía producirse con este evento.
Ademais, Lara Meneses lembrou que esta cuestión xa é reiterada en Tomiño, posto que o Concello “nunca é quen de soster ningunha proba nin evento, levando ao noso municipio ao esmorecemento” e agarda que, se non rectifican para permitir este Rallymix, alomenos o executivo de Sandra González dea explicacións reais e pertinentes sobre as causas da cancelación.