O PP de Tomiño acusa ao goberno local de contratar persoal para o novo servizo de recollida de lixo e negarse a facelo para a nova biblioteca para apostar pola súa privatización

Tomiño, 23 de xuño de 2025.

O grupo municipal do PP de Tomiño vén de acusar ao goberno local de aplicar un dobre raseiro en materia de contratación de persoal respecto ao proxecto de privatización do Espazo Isaura Gómez, que albergará a futura Biblioteca Municipal, xa que négase a incorporar a traballadores para que esta instalación funcione como un espazo público alegando unha suposta imposibilidade, pero en cambio vai contar cun novo funcionario para o novo sistema de recollida de lixo.

Os populares lamentan que o executivo nacionalista remitise un documento a toda a veciñanza no que se ampara na estabilidade orzamentaria e na taxa de reposición do persoal para xustificar a súa decisión de privatizar a biblioteca “nunha situación inaudita e incrible que non pasa en case ningún concello da provincia”.

“É moi curioso que, cando se lle sacan as cores ao BNG por externalizar a biblioteca, intenten escudarse na normativa, retorcendo a realidade, dicindo que non poden contratar persoal, pero a realidade demostra que é a súa decisión política, nada máis, porque catro día antes de estas excusas sacaron a concurso unha praza de funcionario interino para aplicar o novo sistema de residuos”, revelou a voceira municipal, Mónica Otero.

“Para isto, que é unha cuestión sectaria da súa axenda ideolóxica que seguen sen explicar e que auguramos que vai traer moitos problemas para os veciños, aparte de dilapidar máis dun millón de euros, si que poden contratar a xente, aínda que sexa de xeito interino ou temporal, pero para a biblioteca non. E que non nos saian con tecnicismos porque poderían empregar o mesmo procedemento de interinidade ou temporalidade para incorporar a xente que atender a biblioteca, que de feito, coa privatización, vai ter unha atención provisional posto que a adxudicación do servizo é por dous anos”, engadíu a concelleira.

A voceira popular insistíu en que esta instalación cultural, social e formativa debe ter unha xestión pública, que é algo que defende o PP e que incluirá no seu programa electoral cara o ano 2027, e anunciou que sempre defenderán a súa municipalización “porque non é admisible que o BNG convirta a biblioteca de todos nun negocio cua apertura nos vai custar a todos os tomiñeses 233.000 euros en dous anos”.

Finalmente, lamentou que o goberno do BNG “mentise abertamente” no seu comunicado á cidadanía a través da app informativa do Concello´, sinalando que as administracións do PP non puxeron cartos para o Espazo Isaura Gómez, xa que lembrou que a maior parte do financiamento procede da Deputación, que está rexida polos populares, e tamén criticou que se “utilice de xeito partidario, partidista, sectario e electoralista a favor do BNG” unha ferramenta institucional destas características, “o que dá boa mostra da desesperación dun goberno local que perdeu o rumbo, que non xestiona e que non atende axeitadamente aos cidadáns polo seu absoluto esgotamento que marca un claro fin de ciclo”.