O PP de Tomiño acusa ao goberno de “abandonar e castigar” as comunidades de auga e demais colectivos polo cobro indebido do ICIO e esixe que se apliquen de inmediato as bonificacións da ordenanza
Tomiño, 6 de marzo de 2026.
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de acusar ao goberno local do BNG de “abandonar e castigar” ás comunidades de usuarios de auga e aos demais colectivos, como comunidades de montes ou asociacións, por cobrarlles indebidamente nos últimos anos a totalidade do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) nas súas actuacións de abastecemento, de interese público ou orientadas ao ben común malia que existe desde hai moitos anos unha bonificación na ordenanza fiscal reguladora.
Por iso, esixíronlle ao executivo de Sandra González que comece a aplicar de inmediato estes descontos aos que estas entidades teñen dereito e deixe de “maltratar” a unhas asociacións que, no caso das comunidades de auga son unha referenza a nivel galego e que, co seu gran traballo, suplen por completo unha competencia municipal que lle correspondería ao Concello, mentres que no que atinxe aos demais colectivos son fundamentais para o dinamismo do municipio.
Os populares presentaron unha moción no pleno municipal desta semana na que demandaban que estas bonificacións nas obras de abastecemento ou de interese público, de ata o 95% do seu importe, fosen efectivas e conseguiron que dita proposta fose aprobada por unanimidade, polo que reclaman a súa aplicación inmediata.
O PP tomiñés lembrou que estas bonificacións foron a principal demanda das comunidades de usuarios de augas do concello na presentación do Plan +Aqua da Deputación de Pontevedra celebrada hai algunhas semanas en Tomiño, polo que trasladaron esta reivindicación ao pleno co obxectivo de tentar captar a sensibilidade do goberno do BNG tras anos de cobro indebido tanto a estas entidades como as restantes do concello, tamén moi interesadas nesta medida.
A voceira municipal, Mónica Otero, e a concelleira Alba Martínez tamén lamentaron as excusas do goberno nacionalista na sesión plenaria, admitindo que esas bonificacións están recollidas na ordenanza, pero que non as aplicaron ao longo dos últimos alegando que “son poucos cartos e que esixiría de certo procedemento administrativo farragoso”.
“Para o Concello un imposto de 300 ou 400 euros será pouca cousa, polo que tampouco entendemos o seu interese en percibilo se, como din, non lles vai salvar de nada, pero para as nosas comunidades de auga. Comunidades e asociacións trátase dunha cifra importante para mercar material ou facer pequenas obras. Poden ser pequenos detalles que lles marquen a diferenza na súa excelente xestión e, ademais, teñen dereito a estas bonificacións, non se lles está agasallando nada”, explicaron as dúas concelleiras.