O PP de Tomiño acusa ao BNG de caer en contradiccións e gobernar contra a comarca por entorpecer a Autovía do Baixo Miño durante vinte anos e agora esixir máis celeridade
Tomiño, 30 de xullo de 2026.
O PP de Tomiño vén de lamentar o posicionamento da alcaldesa, Sandra González, do goberno local e do BNG respecto dos avances nas obras de construción da Autovía do Baixo Miño tras o anuncio, por parte da Xunta, da licitación dun novo proxecto para outro treito que discorrera integramente polo municipio. Así, os populares acusaron ao Bloque de caer en constantes contradiccións e de atoparse totalmente deslexitimado para esixir unha maior celeridade nesta infraestrutura cando entorpeceu todo o que puido e tentou paralizar este vial durante vinte anos.
“Se non fora polas protestas, atrancos e todos os paus nas rodas que puxo o BNG a esta autovía nas últimas décadas, posiblemente xa estaría rematado hai tempo, pero a historia e a hemeroteca están aí e todos nos lembramos das súas campañas ‘Non ao vial polo monte’ e todo o que fixeron para que esta autovía non se construíse, así que se tiveran un mínimo de coherencia, estarían calados”, manifestou a presidenta do PP tomiñés, Lara Meneses.
A representante popular lembrou que a Xunta de Galicia conseguíu superar todos estes atrancos xerados polos nacionalistas e concretou que as obras de construción “avanzan indubidablemente malia a obstrución do BNG” desde a chegada de Alfonso Rueda á presidencia da Xunta, xa que ten o compromiso de rematar as autovías en marcha -esta do Baixo Miño e a da Estrada na provincia de Pontevedra- antes de iniciar novos proxectos.
Lara Meneses manifestou que este vial de alta capacidade é fundamental para o desenvolvemento de Tomiño e de toda a bisbarra, polo que calificouno dunha “estrada moi desexada por toda a xente do Baixo Miño agás polos responsables do BNG, porque prefiren que non se faga para ter algo co que atacar á Xunta no marco da súa política xenreira e polo que seguen criticando os avances, xa que saben que vai ser unha realidade grazas á xestión do PP”.
Ademais, a líder do PP tomiñes tamén criticou a “hipocrisía” da alcaldesa Sandra González por acudir á visita da conselleira celebrada esta semana “malia que todos coñecemos a postura do BNG sobre a autovía” só para saír na foto e lamentou a súa “falsidade” por iniciar, xusto despois deste acto, unha campaña desde o goberno local e desde o BNG para esixir maior celeridade e tildar os avances de insuficientes . “Alí sorríu para a foto, pero un minuto despois comezou a empregar os seus altofalantes para expresar unhas queixas que non lle trasladou á cara á conselleira de Infraestruturas, o que demostra covardía e tamén falta de xestión, porque se a titular autonómica non coñece as súas demandas non pode atendelas”, manifestou Meneses, que rematou pedíndolle ao BNG “que xa que non vai sumar, polo menos que non estorbe” e reclamoulle que, neste caso, se aplique a frase de Castelao ‘Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos’.