O PP de Silleda solicita ao goberno local que organice uns cursos intensivos de natación para cativos ata final de curso ante a reapertura da piscina do hotel Vía Argentum
Silleda, 17 de maio de 2025.- O grupo municipal do PP de Silleda vén de solicitarlle ao goberno local que organice un cursos intensivos de natación para cativos ata final de curso, co horizonte do 30 de xuño, na piscina do hotel Vía Argentum da localidade tras a súa recente reapertura.
Os populares lembran que esta instalación xa leva aberta algunhas semanas e lamentaron que o executivo socialista non fixera absolutamente nada nestes días por tratar de reanudar esta actividade formativa que quedou suspendida polo peche desta instalación acuática sen que se buscara ningunha alternativa por parte do goberno de Paula Fernández.
“A suspensión das clases o pasado outono cando decenas de usuarios contaban con esta actividade sen que se mirasen opcións nin se aceptase a proposta do PP, que negociou a posibilidade de facelas na piscina climatizada da Agasp na Estrada, e os inexstentes movementos do executivo tras a reapertura da piscina do hotel demostra a súa nula vontade de promover esta actividade nun exercicio de vagancia absoluta e desatención aos veciños. Se se pode facer fácil, ben, e se non, pois para que complicarse a vida. Esta é a tristura do goberno que temos”, criticou o voceiro popular, Ignacio Maril.
Para os populares, todo isto podería paliarse, alomenos parcialmente, coa celebración de clases durante as próximas semanas que, ademais, serían complementarias coas que se van facer nas piscinas ao aire libre durante o verán: “Xa sabemos que vai haber cursos no período de vacacións, pero adiantando a actividade, moitos nenos xa poderían chegar con certos coñecementos e tamén se facilitaría a aprendizaxe a aqueles que se van de vacacións en xullo e que non estarán en Silleda”.
Información do proxecto da piscina
Por outra banda, Ignacio Maril tamén demandou ao goberno local que facilite información sobre o suposto proxecto de construción dunha piscina climatizada a través dun réxime de concesión demanial, xa que o anuncio tivo lugar hai bastantes meses e non se rexistraron avances.
“Semella que o goberno local, ante a proposta do PP para que se construíse co Plan Extra da Deputación co obxectivo de non ter que agarda moitos anos e a demanda veciñal expresada na campaña de sinaturas do noso partido con preto de 2.000 apoios, quixo saír correndo a tender unha cortina de fume, porque sabe da necesidade e desexo da veciñanza. Pero moito nos tememos de que, en realidade, non haxa nada de nada máis que un novo intento de engaño, porque levan 15 anos con esta promesa incumprida, polo que lle solicitamos que explique os pasos do proxecto, o financiamento e os prazos”, concluíu.