O PP de Silleda acusa á alcaldesa de incumprir o acordo plenario de rebaixa do IBI para seguir “sangrando” aos veciños e lamenta que non respecte a democracia e lle falle ao pobo

Silleda, 15 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Silleda vén de acusar á alcaldesa, Paula Fernández, e ao goberno socialista de incumprir o acordo plenario do pasado 16 de outubro para rebaixar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) de cara ao ano 2026, xa que deixou pasar o tempo sen iniciar o expediente porque pretende seguir “sangrando” aos veciños. Ademais, os populares lamentaron que non respecte a democracia, posto que a medida saíu adiante por unanimidade, e tamén que lle falle ao pobo, “que o está a pasar moi xustiño, xa que moitas familias teñen dificultades para chegar a final de mes polo contexto reactivado da inflación”.

Os populares lamentaron a “falta de compromiso, de palabra e de sensibilidade cos silledenses” da rexedora e o seu executivo, posto que xa non dá tempo material a aplicar a baixada da Contribución acordada no pleno extraordinario impulsado polo PP e o BNG hai un mes, posto que calquera expediente fiscal ten que estar a exposición pública durante 30 días hábiles, polo que non os novos tributos xa non entrarán en vigor en 2026.

“En todo este tempo non fixeron absolutamente nada, nin pedíu os informes, nin incoou expediente, nin convocou o novo pleno para a aprobación das rebaixas, o que demostra que só utilizou ese acordo para tentar quedar ben e lavar a súa imaxe, pero á hora da verdade os veciños de Silleda seguirán a pagar o IBI máis alto da comarca”, lamentou o voceiro municipal, Ignacio Maril.

De feito, o concelleiro popular non entende a actitude socialista no pleno extraordinario “agás que fora porque se sentise acurralado e totalmente só na súa minoría”, posto que apoiou a proposta do PP admitindo que se daban as circunstancias para esta descenso do tipo polo aumento dos ingresos e incluso fixo unha enmenda, por boca da propia alcaldesa, para acometer axeitadamente o procedemento coa correspondente incoación do expediente.

“Malia que era o momento idóneo para desenvolver a nosa proposta e axudar ás familias de Silleda, Paula Fernández volveu a sacar a alma de pequena ditadora e pasou completamente do acordo malia que moitos veciños teñen moitas dificultades para chegar a final de mes”, aseverou o edil do PP, que anunciou que a súa formación seguirá insistindo na aplicación deste descenso, “xa que é de xustiza e aínda que teñamos que agardar a 2027 pola desidia do PSOE local, non imos cesar no noso empeño”.

Cómpre lembrar que o PP de Silleda propoñía baixar o tipo do IBI de urbana do 0,53 actual ao 0,45, o que supón un descenso do 15%, e o de rústica do 0,43 ao 0,30, xa que, ademais de ter as tributacións máis altas da zona –Lalín e A Estrada acaban de fixalo no 0,50– a recaudación por este imposto disparouse aínda máis, co conseguinte sobrecuste para os veciños, polas dúas revisións catrastrais realizadas máis a actualización á alza dos valores polo Plan Xeral.