O PP de Salceda solicita a construción dun novo pavillón regulamentario anexo ao actual polideportivo e afea que o goberno descoñecera que está permitido pola Lei do Solo
Venres, 25 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de solicitar, no pleno celebrado onte á noite, a construción dun novo pavillón que cumpra a regulamentación e que conte con medidas federativas na zona anexa ao actual polideportivo e ademais reclamou que, atendendo ás demandas dos clubes, se faga de inmediato, posto que a Lei do Solo permite que se faga nesa contorna “malia o triste descoñecemento delo por parte do goberno local”.
Os populares, a través do seu voceiro, Santi Davila, revelaron que a nova instalación deportiva “pódese construír xa se hai verdadeira vontade por parte do executivo local, que é algo que dubidamos”, posto que a modificación da Lei do Solo aprobada pola Xunta no ano 2023 non esixe ningún cambio urbanístico para destinar determinado espazo a dotacións, neste caso deportivas, aínda que exceda da liña de edificación.
“Levamos dez anos agardando polo novo pavillón mentres as forzas de esquerda, e principalmente MS, se adican a perder o tempo, xa que neste tempo había a necesidade dun novo pavillón e nunca o tomaron en serio agás a un mes das pasadas eleccións municipais, cando presentaron un proxecto de pista anexa ao actual polideportivo que era irrisorio, non cumpría coas medidas regulamentarias e non satisfacía as demandas dos clubes”, lamentou o concelleiro popular.
O edil do PP indicou que un dos moitos problemas xerados polo goberno municipal para dispoñer dun novo pavillón era urbanístico, “xa que en 18 anos non foron quen de actualizar o PXOM e seguimos coas normas subsidiarias de 1997, pero ese problemas resolveullo a Xunta e xa se pode sacar o máximo proveito da zona anexa, que demostra o seu descoñecemento e incapacidade de xestión”.
Así, ademais de non tomarse en serio o proxecto do novo pavillón en todo este tempo, Santi Davila engadiu que a súa construción “eternízase” pola exclusiva responsabilidade de MS no eido urbanístico e tamén financeiro, posto que nunca destinou cartos a esta infraestrutura deportiva e “vén de desperdiciar outra oportunidade do Plan Extra da Deputación, que era ideal para un proxecto estratéxico coma esta mentres que o saneamento de Entenza era máis acaído para o Plan +Provincia”.
O PP de Salceda amosou o seu “absoluto respaldo” á demanda dos clubes e dos veciños e indicou que debe esixirse “incansablemente” ao goberno local, que é quen ten as competencias en materia de instalacións deportivas, “pero sempre prefire destinar o pouco diñeiro que ten a outras cousas antes que a un novo pavillón. Ademais, indicou que a Deputación xa concedeu fondos para unha instalación destas características co Plan Extra, “pero o goberno optou por outra cousa que ademais tiña outra vía de financiamento”, e respalda que se pida axuda e colaboración da Xunta, “pero moito nos tememos, pola nula capacidade de negociación e xestión da alcaldesa, que vai ter resultados positivos, como xa demostrou en anteriores ocasións, tanto coa Deputación amiga do bipartito PSOE-BNG como co Centro Superior de Deportes xestionado polos socialistas en Madrid”.