O PP de Salceda revela que a situación económica do Concello é a peor da provincia e está en “alerta vermella” con grave risco para os servizos públicos

Venres, 6 de maio de 2026

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de revelar que a situación económica do Concello é a peor da provincia e a tesourería atópase en “alerta vermella”, tal e como confirmou o Consello de Contas no seu derradeiro informe de fiscalización das entidades locais, polo que alerta de que os servizos públicos e axeitada atención aos veciños está en grave risco.

Os populares sinalaron que, segundo confirmou o citado órgano independente, a “situación financeira de Salceda é moi comprometida” pola xestión do goberno de MS, posto que tanto o remanente como o aforro neto son negativos “e iso pon en claro perigo a sostenibilidade do gasto corrente que sostén os servizos municipais”. Neste senso, recalcaron que a gravidade das contas municipais xa fora confirmada previamente polo departamento de Intervención e denunciada polo propio PP para que se adoptaran canto antes medidas corretoras, “pero o executivo de Dolores Castiñeira fixo caso omiso e continúa pola senda contraria despilfarrando a mans cheas os cartos públicos sen beneficio para os veciños”.

O voceiro municipal, Santi Davila, abordou esta cuestión no derradeiro pleno e interesouse polas medidas que pretende implantar o goberno local para que cesen os recurtes, a precariedade nos servizos e a desatención veciñal “antes de que sexa demasiado tarde”, pero lamentou que enfronte “mantense a falta de autocrítica coa nefasta xestión económica e preténdese seguir con esta deriva”. O concelleiro popular reclamou con urxencia un plan de contención para que se poidan manter axeitadamente os servizos.

“A liquidez é inxistente, o cal xera un período de pago a provedores disparado que prexudica ás empresas e autónomos que traballan para o Concello; incúmprense todas as regras fiscais, o remanente é negativo e os contratos carecen de procedemento, de comparativa para obter o mellor prezo e fanse a dedo e con reiteración irregular no tempo, polo que estamos ante unha xestión económica sen pés nin cabeza que ten un damnificado: o pobo de Salceda”, aseverou o edil.

Ademais, criticou que, con esta situación tan complicada, o goberno local aínda aprobe un novo soldo para un concelleiro do PSOE “que ten como único obxectivo chegar ao final de mandato aínda que sexa arrastrando os pés” e por riba se lle suban as taxas das piscinas aos menores de idade de 15 anos en adiante, “o que demostra que só gobernan para eles e non para os veciños”.