O PP de Salceda lamenta que a mellora do pavillón quede aparcada por terceiro mandato consecutivo tras desaproveitar o 2º Plan Extra malia que a alcaldesa llo prometera aos clubes

Mércores, 3 de decembro de 2025

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de lamentar que a necesaria e demandada mellora integral e ampliación do pavillón municipal vaia quedar aparcada por terceiro mandato consecutivo tras desaproveitar o goberno local a 2ª edición do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, que pode conceder ata 700.000 euros ao Concello, posto que o executivo de MS desbotou esta actuación e optou por presentar unha urbanización da fase 2 do PERI da Gándara.

“O pasado mes de abril reclamamos esta mellora e incluso ofrecemos outras alternativas viables desde o punto de vista urbanístico coa construción dun novo polideportivo na zona anexa ao actual, pero pasaron absolutamente malia que é urxente que Salceda conte cun pavillón en condicións”, sinalou o voceiro municipal, Santi Davila, que cre que a situación é “dobremente grave” porque non só se deixa no esquecemento esta instalación deportiva, senón que a alcaldesa, Dolores Castiñeira, incumpríu a súa palabra aos clubes e usuarios, aos que lle prometeu que o segundo plan extraordinario de investimentos sería para o polideportivo,

O concelleiro popular indicou que todo o pobo leva unha década de gobernos de esquerdas agardando por esta mellora e anunciou que van ser alomenos doce ata que remate o mandato en 2027, porque a elección da urbanización da Gándara, orzamentada en 1.040.000 euros para o Plan Extra da Deputación, “deixa sen opcións” de índole económica ao Concello para afrontar a necesaria modernización do pavillón. “Esgotaron a última oportunidade e quedaron sen vías de financiamento, pero é que ademais tampouco teñen un compromiso real co pavillón nin co deporte máis dalgún anuncio preelectoral para tapar as súas vergoñas neste asunto, polo que todo o mundo sabe que se arranxará este polideportivo ou se construirá un novo cando haxa un goberno local do PP”, manifestou o edil do PP.

Santi Davila cifrou en preto de 2 millóns de euros as achegas concedidas pola Deputación nestes dous anos cos plans extraordinarios xeral e deportes, “o que daría perfectamente para que Salceda dispoña do pavillón que merece” e indicou que as dúas obras escollidas, como o saneamento de Entenza ou a urbanización da Gándara tiñan un encaixe perfecto para o seu financiamento co Plan +Provincia e co desenvolvemento axeitado das ferramentas urbanísticas, respectivamente. “A obra do PERI podería acometerse practicamente soa nunha vila en crecemento como a nosa se foran quen de actualizar o PXOM tras 18 anos de pasotismo e intentos infructuosos e que non teñamos que seguir funcionando coas normas subsidiras de 1997”, engadíu.

Finalmente, o voceiro popular lamentou os “reiterados prexuízos” causados aos moitos clubes e centos de usuarios do pavillón, aos que lles anunciou que non conten con ningún avance antes de 2027 “malia que levan anos demandando, con toda a razón, a reforma desta instalación”. Así, reiteroulles o apoio do PP e criticou a “falta de palabra” da rexedora “aínda que non lle estrana a ningún salcedense polos seus precedentes”, xa que hai uns meses, para tratar de calmar o seu malestar polo abandono do pavillón, anuncioulles que o seguinte Plan Extra da Deputación sería para este equipamento “e agora a realidade desmonta as súas verbas”.