O PP de Salceda denuncia un caso de nepotismo pola contratación dun afín a MS como conserxe do pavillón e esixe igualdade de oportunidades no emprego público municipal
Mércores, 28 de maio de 2025.-
O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de denunciar un caso de nepotismo por parte do goberno local pola contratación temporal dunha persoa afín a Movemento Salceda (MS) para o posto de conserxe do pavillón municipal e, tras censurar esta decisión da alcaldesa, Dolores Castiñeira, esixe que haxa igualdade de oportunidades para todos os veciños no acceso ao emprego público do Concello.
Os populares lembraron que, no anterior mandato baixo a dirección do bipartito, aprobouse unha Relación de Postos de Traballo (RPT), que contou co voto en contra do PP, na que aparece recollida esta praza de bedel do polideportivo para a súa cobertura, de xeito definitivo, a través dun concurso público, polo que non entenden porque non se procede á súa convocatoria para ofrecer este servizo de xeito permanente e con acceso a todas as persoas interesadas.
“Moito falaron da RPT pero non serve de nada, xa que non fan uso dela, porque non sacan esta praza a concurso posto que a alcaldesa, nun exercicio de caciquismo brutal, prefire que sexa ocupada a dedo pola persoa que lle levou a megafonía a MS na pasada campaña electoral nunha decisión totalmente inadmisible coa democracia e a igualdade”, apostillou o voceiro municipal, Santi Davila.
Para o PP, esta situación reproduce unha vez máis as “decisións arbitrarias, partidistas e sectarias” do goberno de MS, “que se adica exclusivamente a favorecer aos seus, esquece ao resto da veciñanza e castiga directamente aos que pensan diferente”, xa que lembrou que estes feitos xa pasaron con obras de saneamento ou reparación de camiños, que se orientan exclusivamente para os seus acólitos e nas que se deixa directamente fóra aos militantes, simpatizantes ou votantes do PP e doutras forzas políticas.
“Non temos absolutamente nada en contra desta persoa e cremos que ten todo o dereito a traballar, porque nós nisto non somos sectarios como xa demostramos nalgún ocasión anterior en relación cos obradoiros de emprego. Pero por riba de todo está o interese xeral, a igualdade de acceso ao emprego público e as condicións para que todos os veciños, tamén o actual beneficiario do ‘dedazo’, teñan as mesmas oportunidades nun concurso aberto e transparente”, concluíu o concelleiro popular.