O PP de Salceda denuncia o incremento constante da inseguridade cidadá e responsabiliza ao goberno local polo abandono da Policía Local

Xoves, 17 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de denunciar de novo o incremento constante da inseguridade cidadá no concello -tras a anterior queixa sobre esta situación realizada o pasado mes de xuño- e responsabiliza desta situación ao goberno local de Dolores Castiñeira polo abandono absoluto do corpo da Policía Local.

“A alcaldesa presume constantemente de que Salceda é unha vila moi segura, pero a realidade é ben diferente porque xa se sabe que ‘dime de que presumes e direiche de que careces’. Non hai axentes suficientes, estanse a reproducir roubos e entradas e domicilios pola falta de disuasión con efectivos policiais, os grandes actos non contan coa seguridade suficiente e hai unha evidente falta de control con algúns patinetes que non respectan as normas, polo que a situación é mala e os veciños síntense inseguros”, enumerou o voceiro municipal, Santi Davila.

Así, os populares revelaron que a pasada edición da Festa dos Callos, malia acoller a milleiros de persoas pola súa gran sona, só dispuxo dun axente de Policía Local durante unha quenda, mentres que o resto da fin de semana non estiveron operativos 24 horas pese a que a magnitude do evento requería da súa presenza continua.

Paralelamente, están a aumentar as entradas e roubos en domicilios, coa enorme intranquilidade que xera iso na xente, e a ordenanza de patinetes, vixente desde hai case un ano, non se supervisa provocando situacións de risco de accidentes. “A maior parte da xente, principalmente mozos, empregan o patinete de xeito axeitado e ademais está moi ben porque é un modelo sostible de mobilidade moi acaído, pero uns poucos tristemente campan ás súas anchas polas beirarrrúas e gran velocidade sen que desde o Concello se faga nada por poñerlle couto”, manifestou o concelleiro.

Santi Davila indicou que esta grave situación de inseguridade, xa se podía prever desde hai anos pola actitude e inacción do goberno de Dolores Castiñeira e os seus predecesores con partidos de esquerda, “xa que só incorporaron un só efectivo en 19 anos e están a desmantelar o corpo coas consecuencias que están sufrindo os salcedenses”. Nesta liña, engadiu que o executivo municipal incurre en continuos incumprimentos que motivaron a marcha este verán dun auxiliar e non se toma en serio a reposición e aumeno de prazas, “polo que estamos abocados a un deterioro da convivencia se non se actúa de inmediato como estamos a esixir de manera constante desde o PP”.