O PP de Salceda denuncia deficiencias no proxecto de saneamento de Entenza, xa que se vai discriminar sen o servizo a varios veciños, e esixe que se remate co Plan +Provincia 2026

Mércores, 7 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de denunciar a existencia de importantes deficiencias e eivas no proxecto de construción da rede de saneamento na parroquia de Entenza, xa que revelaron que o goberno municipal pretende discriminar sen o servizo a decenas de veciños, polo que esixe que se remate esa infraestruturas de sumidoiros con cargo ao Plan +Provincia 2026 da Deputación “para que o goberno de MS non poida castigar a ninguén e ofrecer un trato desigual aos residentes desta zona”.

Os populares lembraron que esta actuación, orzamentada en 875.000 euros, vai ser financiada integramente polo organismo que preside Luis López con cargo ao Plan Provincia Extraordinaria e o Plan +Provincia 2025, polo que lamenta que “unha oportunidade histórica que nos brinda a Deputación vai ser desaproveitada cunha actuación incompleta coa que MS pretende perpetrar a peor das políticas castigando a veciños”.

A formación liderada por Santi Davila destacou que o PP votou a favor desta actuación, “xa que é un servizo prioritario que levamos reclamando moitos anos e que, por fin, parece que vai ser atendido polo goberno local”, pero explicou que se abstivo na aprobación das bases, ao igual que toda a oposición -PSOE e BNG-, “posto que non se recollen nas mesmas as mellores específicas do contrato e se pretende deixar ao criterio caciquil do goberno de Loli Castiñeira”.

Neste senso, o PP concretou que no prego se contemplan como melloras a construción de 450 metros lineais máis de rede de saneamento, pero sen detallar a en que lugares e zonas da parroquia non incluídos no proxecto se construirían e deixando a decisión final da puntuación das mesmas ao que elixa o goberno local contra o criterio da Secretaría Municipal.

“O goberno de MS vai facer a rede xeral e, coas melloras, pretende beneficiar as vivendas dos seus afíns e castigar a veciños doutras ideoloxías que non lle bailan a auga. Estamos ante un exercicio da peor política posible porque vanse investir case un millón de euros e vai haber veciños, os señalados por MS, que van quedar sen o servizo, que é algo que consideramos inadmisible nun proxecto desta envergadura que paga a Deputación”, manifestou Santi Davila, que vai reclamar que se complete o proxecto dos sumidoiros a toda a parroquia no prazo máis breve posible “para evitar estas distincións sectarias que pretende facer o executivo de Loli Castiñeira”.

Finalmente, o voceiro popular indicou que o seu partido fixo unha proposta completa de ramais para as melloras que ofrezan as empresas aspirantes ao concurso, pero a mesma foi rexeitada polo goberno local “nunha clara mostra das súas intencións de facer tratos de favor e de castigo con esta obra”.