O PP de Salceda apoia a construción de vivenda pública, pero rexéitao na contorna da Praza de Devesa por hipotecar o futuro urbano e lembra que o Concello dispón de parcelas alternativas

Venres, 13 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas salientou na xornada de hoxe o seu apoio total e absoluto á construción de vivenda pública no municipio para atender a demanda da veciñanza, pero rexeita rotundamente a proposta do goberno de facelo na contorna da Praza da Devesa despois de que MS, PSOE e BNG aprobasen no pleno celebrado onte o inicio dos trámites para ceder unha parcela deste espazo á Xunta para unha promoción residencial.

Os populares, que se abstiveron neste punto posto que apostan pola vivenda pública pero non neste lugar, cren que esta decisión é unha “absoluta irresponsabilidade” das tres formacións de esquerda, posto que hipoteca o futuro desenvolvemento urbano de Salceda e ademais cren que é unha elección “errada e caprichosa” tendo en conta que o Concello dispón de parcelas alternativas para a construción de vivenda por parte da Xunta.

Neste senso, o voceiro municipal, Santi Davila, explicou que esta decisión, que agarda que sexa revogada, impediría para sempre a ampliación da Praza da Devesa con máis zonas verdes e equipamentos socioculturais, imposibiltaría a reorganización urbanística deste ámbito e cercenaría a futura unión das rúas Ador e Vigo construíndo ademais unha rotonda de entrada á vila desde Esfarrapada.

Por iso, o concelleiro do PP cre que, ante a necesidade de vivenda na localidade e a xenerosa oferta da Xunta, habería que apostar pola cesión do solar municipal situado xunto ao centro de saúde ou polos dous próximos terreos que pasarán a engrosar o patrimonio municipal. “En 19 anos de gobernos de esquerdas nin aprobaron o PXOM nin fixeron nada pola vivenda malia ter competencias e na ocasión na que se acordan isto van cometer un erro histórico que prexudicará moito o futuro urbano e o benestar da vila”, aseverou o edil popular.

Neste senso, Santi Davila lembrou que esa parcela ía destinarse hai bastantes anos a vivendas de iniciativa privada, pero a crise da construción provocou que o solar pasase á Sareb e que o Concello, no mandato anterior e por unanimidade dos grupos, iniciase os trámites para cambiar a calificación urbanística a dotacional co obxectivo de mellorar os espazos públicos.

De feito, esta decisión provocou a baixada do prezo do solar, de 200.000 a 80.000 euros, que foi o prezo polo que o mercou o Concello ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación, e incluso lembrou que na escritura de compra facíase referenza expresa, respectando a vontade do acordo plenario, de destinalo a parques e viarios. “Aquela operación era boa e fíxose pensando no futuro de Salceda e agora pretenden mudala sen sentido nunha metedura de pata, e máis tendo alternativas para vivenda, que agardamos que se rectifique polo ben do noso concello”, concluíu.