O PP de Rodeiro vai esixirlle ao bipartito que acometa as súas obras de mantemento e conservación do CPI durante o verán para non interferir no próximo curso lectivo
Rodeiro, 3 de xullo de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vai esixirlle ao goberno bipartito que acometa as súas obras de mantemento e conservación no CPI de Rodeiro durante os meses de verán para non interferir no próximo curso lectivo e para que, cando comecen as clases no mes de setembro, o recinto estea en perfectas condicións.
Os populares van levar esta iniciativa ao pleno ordinario de xullo fixado para o próximo luns, a través dun rogo, no que demandarán ao goberno local que asuma dunha vez por todas as súas obrigas e competencias no colexio público tras telo abandonado nos últimos meses e anunciar públicamente a súa intención de desentenderse do mesmo e non realizar estas tarefas.
“Desde o PP, como vimos facendo todo este tempo, imos insistir incansablemente en que o CPI ten que estar en boas condicións e, aparte das grandes obras que fixo a Xunta, o Concello ten entre as súas competencias o mantemento e conservación, que presenta moitas deficiencias”, manifestou Cati Somoza, que lembrou que esta obriga municipal data do ano 2008, cando o anterior bipartito ao que pertencía o alcalde José Luis Camiñas se adheríu a un convenio entre a Xunta e a Fegamp para facer estas tarefas.
Entre as obras demandadas polo PP, tras visitar o centro hai uns días co gallo do remate de curso, figuran a adecuación de zonas exteriores coa poda de setos, a roza de zonas verdes e a retirada de pedras e residuos das obras da rúa B que están amontonados nas canchas; a limpeza dos canalóns; a corrección das humidades dos pasillos pola falta de sellado e illamento; a reposición das luminarias fundidas; a substitución das manillas estropeadas das portas; a colocación das bandeiras identificativas de edificio público; a dotación dunha pechadura na cancela exterior para impedir que o recinto permaneza aberto; e a instalación dunha cancela entre o edificio polivalente e o colexio, xa que foi retirada hai un ano e debería recuperarse por cuestións de seguridade.
Ademais, os populares tamén reclaman a contratación do mantemento anual da caldeira de calefacción a unha empresa para evitar as eivas e deficiencias deste pasado curso, que xeraron moitos inconvintes pola falta de calefacción durante o inverno a causa das avarías, e a reubicación dun traballador que supervise os accesos ao centro.