O PP de Rodeiro úrxelle ao bipartito que acometa un arranxo inmediato das pistas municipais ante o seu “terrible estado” e prepare un proxecto integral de mellora
Rodeiro, 14 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de urxirlle ao goberno bipartito que acometa de inmediato as necesarias obras de arranxo e reparación das pistas municipais para paliar o seu “terrible estado” tras as borrascas do presente inverno e a total falta de mantemento dos case tres anos do presente mandato por parte do Concello. Paralelamente, e tal como pedíu no pleno ordinario celebrado a comezos de mes, tamén lle insistíu en que prepare, redacte, licite e execute un proxecto integral de mellora da rede local de estradas, “xa que se atopa nas peores condicións de toda a provincia de Pontevedra”.
A voceira municipal, Cati Somoza, lamentou que, mentres os demais concellos e administracións titulares das distintas vías están procedendo a reparalas con urxencia e celeridade, en Rodeiro existe unha absoluta parálise nesta cuestión máis alá duns escasos bacheos totalmente insuficientes e malia que, aínda que toda a rede está mal, existen uns 250 quilómetros de pistas municipais practicamente intransitables.
“Nos demais concellos están afrontando bastantes fochancas polos efectos das choivas deste inverno, pero o problema en Rodeiro vai moito máis alá con fendas de gran tamaño, rotura de plataformas, problemas nas cunetas ou escorrentías polas drenaxes en numerosas pistas e que vén derivado da falta de mantemento durante os 33 meses de Camiñas ao fronte do goberno, polo que se atopan totalmente superados pola situación e non saben por onde comezar, aparte de que non teñen cartos tras dilapidar case na súa totalidade os 1,6 millóns de euros de remanente que lles deixamos”, manifestou a concelleira do PP.
Cati Somoza lamentou que durante estas semanas, e máis alá dun escaso anuncio de bacheos sen entrar en detalles das zonas beneficiarias “e que estaba máis pensado en facer ver que fan que en actuar en serio”, o goberno de Camiñas tivo tempo de aprobar medidas antifraude, manter conxelados os salarios das traballadoras do SAF, organizar saraos ou incumprir a obriga do plan de prevención de lumes, pero apenas lle adicou nada á absoluta prioridade que é a reparación das pistas.
Finalmente, a edil do PP tamén lle reclamou de novo ao goberno que poña en marcha, máis alá dos urxentes arranxos, un plan integral de mellora das pistas con orzamento suficiente malia que votou en contra desta medida a proposta a formación popular no derradeiro pleno, “o que nos deixa ben ás claras, e así o deben saber os veciños, que non pretenden facer moita cousa coas nosas estradas”.