O PP de Rodeiro tilda de “surrealista” que Camiñas critique a Deputación pola mellora da estrada Carboentes-Arnego cando será pagada con 500.000 euros de fondos provinciais
Rodeiro, 16 de decembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro calificou de “surrealista” que o alcalde, José Luis Camiñas, criticase duramente á Deputación de Pontevedra na presentación do proxecto de mellora da estrada Carboentes-Arnego cando vai ser pagada con 500.000 euros de fondos provinciais.
“É bastante difícil de entender que o rexedor diga que a Deputación e Luis López abandonan a Rodeiro no caso do acondicionamento da pista Carboentes-Arnego cando toda a obra vai ser sufragada polo organismo provincial segundo o anunciado por el mesmo. A verdade é que Camiñas dá a sensación que se desautoriza a sí mesmo, porque os feitos que el mesmo expón chocan totalmente coa realidade que el mesmo presenta”, manifestou a voceira municipal, Cati Somoza.
De feito, a concelleira do PP indicou que Camiñas tiña “unha oportunidade única e privilexiada” en toda a provincia para facer unha permuta de vías coa Deputación que permitise que o organismo provincial asumise esta estrada Carboentes-Arnego, pero el mesmo se encargou de rebentar o acordo “porque non soporta que Lugués faga cousas por Rodeiro e por iso anda tan revolto, xa que ademais sabe que o vai seguir facendo”.
O proxecto como proba da súa mala intención
Neste senso, Somoza sinalou que “é moi significativo e unha proba clarísima” de que non pretendía un acordo coa Deputación para a permuta de vías e a transferencia de Carboentes-Arnego o feito de que apenas un par de semanas despois de que torpedeara o traspaso xa presentase un proxecto propio: “Actuou cunha mala intención absoluta, pedindo un pacto que non quería só para tratar de facerlle dano a Lugués, ao PP e á Deputación utilizando de reféns e prexudicando aos veciños e por iso, como el sabía que non ía haber acordo porque el mesmo ía rebentalo, xa tiña o proxecto. É lamentable, da peor política”.
En todo caso, a edil popular indicou que o ‘plan B’ de Camiñas para a mellora desta pista “tamén pasaba e pasa principalmente pola Deputación malia que o agochase na súa reunión cos veciños, xa que a única maneira que ten de arranxala, tras despilfarrar os 1,6 millóns de euros de remanente, é que a institución provincial lle mandase os 500.000 euros do orzamento”.
“O alcalde atópase totalmente desesperado, e así o amosou na reunión cos veciños, feita ademais para copiar ao propio Lugués coa anunciada mellora en Rodeiro-Río e Asperelo, xa que busca xustificarse e lavar a súa imaxe tras dinamitar o pacto de transferencias”, apostillou a voceira, que ademais lamentou a cativez do proxecto presentado “xa que non vai chegar a Arnego e os seus veciños aínda terán que agardar, exclusivamente por un capricho seu”.
Finalmente, Cati Somoza instou ao rexedor local a que rectifique e mude a súa postura, que pida desculpas públicas aos veciños por rebentar un acordo único en materia de estradas, que volva á senda da negociación coa Deputación “porque esta segue coa man tendida” e que abandone dunha vez por todas a política da confrontación que lle recomenda o PSOE de Vigo “porque é pésima e nociva para os veciños de Rodeiro”.