O PP de Rodeiro solicita un plan de choque na mellora das pistas municipais ante os graves riscos para veciños e vehículos, xa que se atopan “peor do que ninguén pensaba”

Rodeiro, 27 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP de Rodeiro presentou hai uns días unha moción solicitando o deseño e execución dun plan integral e urxente de todas as pistas municipais ante o seu mal estado, pero dita formación vén de ampliar a súa petición, e así o defenderá no pleno do próximo luns, para que se faga un plan de choque cun importante investimento, xa que, tras facer un novo percorrido polas mesmas esta semana, comprobou que a súa situación é “moito peor do que ninguén pensaba” con graves riscos para veciños e vehículos.

“Esta semana estivemos de novo na práctica totalidade dos centos de quilómetros de pistas municipais de Rodeiro e o seu estado é moi perigoso, e agardamos que non haxa que lamentar ningunha incidencia, porque se atopan sen dúbida no peor momento da súa historia e o mínimo esixible é actuar xa mesmo”, aseverou a voceira municipal, Cati Somoza.

A concelleira do PP cre que o rural de Rodeiro se atopa agora mesmo “nunha situación de emerxencia” no que se refire á mobilidade e seguridade viaria e ademais todo iso agrávase polo feito de que polas vías locais circulan a diario centos de vehículos, entre os que se atopan, ademais dos turismo dos veciños, as furgonetas de reparto tan propias dunha zona rural e con dispersión e os tractores e outros vehículos para as tarefas agrogandeiras.

Así, indicou que hai fochos que semellan cráteres, noiros con evidente risco de desprendemento, cunetas anegadas e bloqueadas, problemas graves de escorrentías, fendas interminables e roturas de plataforma “que provocan que a circulación sexa, ademais de incómoda e terceiromundista, susceptible de causar importantes danos dos vehículos e incluso de provocar un accidente”.

Para a voceira popular esta situación débese exclusivamente á irresponsabilidade e falta de investimento por parte do goberno de José Luis Camiñas, “que tanto di defender o rural, pero que, 32 meses despois, é o alcalde da democracia que máis o abandonou e aparte a sabendas”. Neste senso, indicou que as labores de mantemento foron totalmente insuficientes durante o presente mandato e iso, engadido aos recentes temporais, deulle a puntiña ás pistas do Concello.

Finalmente, Somoza indicou que a adversa meteoroloxía deste inverno “non pode server de excusa”, xa que se houberan acometido a conservación necesaria as pistas municipais non estarían no pésimo estado actual e, para iso, contrastou a súa situación coas da Deputación, que si forn coidadas axeitadamente e que presentan un razoable bo estado.